Opinión

PREOCUPACIÓN

Polo que se le e se escoita por aí, non parece que o mundo financeiro estea a pasar polos seus mellores momentos. Que se bancos en 'situación agónica', que se preocupante falta de liquidez, que se acumulación de 'produtos tóxicos', que se xestión delituosa, quebras, intervencións, dimisións, auditorías de infarto... Uns problemas que, afectando a toda Europa, teñen en España complicacións engadidas a causa do que xa se ven coñecendo como mal del ladrillo. ¿E en Galicia, por un dicir, que? Pois, para que enganarse, tampouco as cousas pintan nada ben. Andan os actuais xestores de Novagalicia Banco buscando inversores privados por todos os sitios con obxecto de evitar a subasta da mesma. Polo que se vai sabendo, cando menos empeño, non lles falta. Pero, segundo comentan os entendidos, téñeno moi difícil. Veremos cómo resulta. Mala noticia sería que desaparecese a única entidade financeira de raíz galega que ía quedando. Pois aínda cos seus fallos, coas súas arbitrariedades, coa mesquindade localista dos mandaríns de Vigo e da Coruña, e da xestión desastrosa de anteriores directivos (os resultados non menten), aínda así, a súa continuidade sería moi beneficiosa para Galicia.


Pasando a terreos máis particulares, a crise da que falamos pode ter consecuencias moi negativas, ¡ai dolor!, para catro exdirectivos de Novacaixagalicia prexubilados en setembro de 2011. Daquelas, recibiran unha indemnización por despido que, sumando a dos catro, se elevaba a dezanove millóns de euros. E co compromiso, por parte da entidade, que cando cumprisen os 65 anos recibirían outros trinta e tres millóns de euros en plans de xubilación. Felices eles. Pero claro, de desaparecer nos próximos meses a súa antiga empresa, a quén lle reclamarían os cartos. ¿Ao banco que gañara a subasta? Aí comezaría un longo proceso de reclamacións cheo de atrancos. E sen garantía de que chegasen a cobrar nin un só euro. O cal, como nestes momentos aínda hai tempo para unha saída digna, qué maior acto de grandeza para eles que arrincar cunha proclamación como esta: 'Polo ben de Galicia, e dándonos xa por ben pagados, no día de hoxe renunciamos solemnemente ás cantidades que nos corresponderían polos plans de xubilación'. Eu estou convencido de que obrarán así. ¿E vostedes? Ah, claro.

Te puede interesar