Opinión

PROTECCIÓN

Opasado mes de decembro, no seu denodado empeño de fomento da cultura, o ministro de Educación, Cultura e Deporte presentou o Plan Estratégico Nacional de Fomento y Protección de la Tauromaquia (Pentauro). Isto, por un lado. Por outro, segundo se recolle na Lei 32/2007 do 7 de novembro, quen sacrifique a un animal sen telo sedado previamente será sancionado cunha multa de 600 euros.


Partindo do principio de que tanto touros como porcos son animais sensibles aos aloumiños da espada e do coitelo, de obrar con xustiza, habería que dispensarlles o mesmo trato, a ambos, ó aplicárselles a pena morte.


Houbo un tempo no que a matanza do porco significaba para un neno de aldea o seu primeiro encontro coa crueldade da vida. Experiencia dura, a súa, tanto polo que vían os seus ollos como polos berros desgarradores que profería o animal. Máis tarde iría sabendo, polo que lle dicían, que o da matanza do porco era algo necesario para alimentar á xente, que sempre fora así e así tiña que ser. Tiveron que pasar moitos anos para que aos animais se lles recoñecesen algúns dereitos; tal os recollidos, no tocante a minorar o sufrimento no momento do seu sacrificio, no Real Decreto 54/1995, do 20 de xaneiro, e na Lei á que se facía referencia máis arriba. Mais, ¿protección legal en tódolos casos? Pois parece que non. Cando menos cos touros de lidia.


Mes de maio, tarde de touros. En canto sae o touro ó ruedo, comeza o divertimento. Con anterioridade, comprobaran se o becho tiña os cornos ben afiados para, chegado o caso, entrar con maior facilidade na barriga do toureiro. Primeiros capotazos. Fura que fura do picador no lombo do animal. Banderillas de castigo (¡) con punta en garfo para mellor amarrar. Sorte de muleta: pase de pecho, (¡fuera, fuera, cobarde, arímate más!), manoletina (oleeee, oleeee, oleeee). Entrada a matar: espada, estoque, puntilla. Sangue, moito sangue. Morte, por fin. Nunca a agonía dun animal fora tan longa. División de opinións; aplausos e asubíos.


En distinto escenario, e data recente, o señor ministro de Educación e Cultura (si, si, o ministro de Educación e Cultura) presentaba o plan de fomento e protección da tauromaquia, que non do touro.

Te puede interesar