Opinión

Punxín

Ede pronto, Punxín pasou a ser, por uns días, un dos pobos máis nomeados de toda España. Case todos os medios de comunicación españois se fixeron eco da “noticia”. Por suposto que a totalidade dos galegos. Pero tamén, El País, El Mundo, ABC, La Vanguardia, El Periódico, El Diario Vasco... As cadeas de televisión (TVE, Tele 5, Antena 3, La Sexta...) Emisoras de radio (RNE, Cadena SER, Onda Cero...) Axencias de noticias (Euronews, EFE). Xornais dixitais. Diversidade de medios, pois. A maioría, criticando as actitudes e comportamento do crego; en tanto outros, considerando desmesurada, incluso inxusta, a reacción (escrache) “de los de siempre”.


Ao final, e logo da intervención do bispado, chegouse a unha solución que, polo que puido transcender, deixou a todos conformes. Quedando no recordo, dos de aquí e dos de fóra, as imaxes do enfrontamento dun crego coa maioría dos seus fregueses. Que da realidade de Punxín, da realidade do seu concello, nada máis quedou. “No tocaba. Cada cosa, a su tiempo”, non faltará quen diga. ¡Si, si!  Unha maneira de falar. Xa que da vida de Punxín, da súa paisaxe, dos seus cultivos, da súa historia, dos seus castros, do seu santo, de nor ser por episodios así, nunca (ou apenas) se volverá saber. Nin dos seus castros, nin do seu santo.


O Castro  de San Cibrao de Las (século II A.C. e século II D. C.), que o concello de Punxín comparte co de San Amaro, é unha das fortificacións de maior extensión das existentes en Galicia. Rodeado dunha muralla exterior, a súa acrópole (con construcións de plantas diversas) conta, así mesmo, con murallas interiores. Destacando, entre as súas construcións, unha gran fonte alxibe. Próximo a San Cibrao, o monte de San Trocado, no que encontraron restos dunha fortificación do século VI   A.C.


San Wintila (século IX). Poucas poboacións galegas poden presumir de Santo propio. O concello de Punxín, si. Por máis que nunca fose canonizado nin veña recollido como santo na web oficial do bispado de Ourense. Descendente duna familia romanesa, e sendo aínda un neno, entrou nun mosteiro onde,  dende os primeiros días, daría mostras de santidade. Pasados uns anos, abandonou o mosteiro para levar vida de anacoreta. A partir de aí, privacións, oracións e milagres. No século XII construiríanlle unha ermida, que aínda existe, e na que se conserva un sarcófago cos seus restos. Cada ano, no segundo luns despois de Pascua, o pobo de Punxín celebra unha festa en honra de San Wintila. O seu santo patrón.

Te puede interesar