Opinión

Si Rajoy me lo pide

Tempos aqueles -1996- nos que para lograr o apoio de CIU, don José María Aznar se desfacía en gabanzas co idioma catalán. Chegando a pregoar por televisión que, la catalana, es una de las lenguas más completas y más perfectas que yo conozco; e que era o idioma que falaba habitualmente cando o grupo de persoas era reducido e a intimidade máis agarimosa.

Unha aznarada que, entón, tan bo resultado lle deu tanto a el coma ó seu propio partido. Iso, daquelas. Pero, polo que se ve e se oe, experiencia que lles gustaría repetir, en momentos tan complicados, a algúns dirixentes do PP. En fin, fose por iniciativa propia, ou mesmo alentada por outros compañeiros, o caso é que dona Andrea Levy Soler, vicesecretaria de Estudos e Programas do Partido Popular, declaroulle vai uns días a un periodista do xornal El Mundo: Si Rajoy me lo pide, le enseño a hablar catalán. Así, sen ningún rodeo. Pois ben, señora Levy Soler, por se quixese seguir o consello dun individuo que non pinta nada no asunto diríalle: fágame caso, e retire a proposta. Máis lle diría: ou moito me equivoco, ou nunca sairá dos labios do presidente do Goberno en funcións un si a oferta que vostede lle brinda tan xenerosa. Aparte doutros motivos que puidese haber, non parece ser don Mariano un gran entusiasta das “lenguas regionales”. Por suposto que o señor Rajoy pode manexarse no idioma que crea máis conveniente; póucalas gracias. Agora ben, ¿alguén lle ten oído ao señor Rajoy, nalgunha ocasión, facer uso do idioma galego? ¿Alguén? Sendo así, e sendo el galego, so faltaría que tivese un maior entusiasmo pola lingua catalá. Entón, se en ningún momento vaia usala,¿para que aprendela?

Si Rajoy me lo pide, le enseño a hablar catalán. Xenerosa oferta, si señor. Pero, volvendo ó dito, penso que tal petición nunca se chegará a producir.

Te puede interesar