Opinión

RANKING

Segundo parece (a salvo das rectificacións de cada día) o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, de momento mantense na idea de facer públicos os resultados das 'probas externas' que se aplicarán a tódolos alumnos, en tódolos centros, ao remate de cada unha das etapas do sistema educativo. Resultados que serán tomados como base para a elaboración dos correspondentes rankings de éxito/fracaso dos centros escolares.


Longo se faría dar conta detallada dos factores que inciden no rendemento escolar dun centro. Factores de orde persoal, pedagóxico, organizativo, económico, social; alumnos, profesores, familia, directivos, instalacións, recursos materiais, lexislación, entorno. Parándome aquí, por razón de espazo, tan só nalgunhas cuestión de tipo social.


Segundo datos do Eurostat, dende o ano 1997 ao 2008, España recibiu 4,6 millóns de inmigrantes. Cifra que representa 1/3 dos inmigrantes que recibiu o conxunto de países da Unión Europea nese espazo de tempo. Máis datos: No ano 1990 España contaba con 350.000 inmigrantes; unha cifra que no ano 2008 se elevaría a 5.200.000. Millóns de inmigrantes, pois, con fillos en idade escolar. Sendo moitos os millares de alumnos doutros países que o noso sistema educativo ven acollendo cada ano; e acollendo de maneira exemplar. Alumnos procedentes de lugares moi distintos (distinta a súa cultura, distintas as súas crenzas, a súa formación, o seu idioma). Con serios problemas de adaptación, en moitos casos. Escolarizados, maioritariamente, en colexios públicos. E coa conseguinte repercusión nos resultados académicos dos respectivos centros.


Chegados a este punto, regresemos á cuestión abordada ao principio. Cunha dúbida. ¿Antes de pór en marcha a aplicación das referidas 'probas externas' e da elaboración do correspondente ranking, terán previsto as autoridades educativas proceder a unha redistribución equitativa de alumnos inmigrantes (e de minorías étnicas) entre os distintos centros do país, tanto públicos como privados? Terán? Porque, de non ser así (e aparte outras finalidades, que a min se me escapan) tal movida non terá outros efectos que o do repavoneo dos centros consabidos e o do escarnio humillante dos de sempre, dos máis desventurados.

Te puede interesar