Opinión

REACCIÓNS

Foran palabras (vai disto algo máis dunha semana) das que se fixeron eco todas as cadeas de televisión de España, todas as emisoras de radio, todos os xornais. Dixera dona Esperanza Aguirre no Círculo Ecuestre de Barcelona, entre outros pareceres, que habería que catalanizar España, que no resto do país se estude e considere como propias a lingua e catalás, e que a ela (si, a ela) non lle escandaliza que haxa cidadáns que queiran conseguir a independencia de Cataluña por medios legais.


Unhas manifestacións que deixaron a case todo o mundo descolocado, sen saber moi ben cómo interpretar, vindo de quen viñan, cada unha das súas propostas, cada unha das súas reflexións. Con reaccións de todo tipo, nun sentido e noutro. Resultando as máis críticas, curiosamente, as daqueles que non cansaban de repetir a súa admiración pola valentía de Esperanza Aguirre, polo seu ideario político, pola súa maneira de gobernar. Como así puiden comprobar mediante a lectura dos comentarios recollidos nas páxinas de diarios dixitais próximos a dona Esperanza. Hai algúns comentarios (poucos) que, sen darlle a razón, tratan de desculpala. 'Aunque no nos guste nada lo que dijo, hay que reconocer que tiene las ideas muy claras'. 'Qué pena que metiera la pata de esta manera, pero seguro que lo hizo sin mala intención'. 'Hay días con peor fortuna que otros. En todo caso, también puso algunas condiciones'. 'Cuando dijo lo que dijo, por algo lo dijo'. Pero a gran maioría deles non andan con ningún rodeo, e falan abertamente de frustración, decepción, vergonza, torpeza, covardía, servilismo, traizón, delirios de grandeza, bobada, engano continuado, trastorno mental. Incluso hai algún comentario de sadismo estremo a conta da pasada enfermidade de dona Esperanza. Quén o diría.


Á maneira de epílogo, e por ir a un suposto que nunca se dará. ¿Cal sería a reacción dos agora frustrados devotos de dona Esperanza se en lugar de plantarse en Barcelona fose en Santiago de Compostela onde expresase o seu desexo de galleguizar España? Seguro que de maneira moi distinta. Seguro. E talvez celebrando, entre risas e burlas, esa ironía desternillante de la que doña Esperanza hace gala en momentos de inspiración. ¡Genial, genial! Nadie como ella.

Te puede interesar