Opinión

RECESIÓN

Sempre espertaron o meu interese, aínda que tamén os meus receos, os prognósticos a medio e longo prazos. Sexan do campo que sexan. Incluso os referidos ó eido da economía, esa ciencia da que case todo ignoro. Ben. De momento, non tiven ocasión de ler o libro 'Las dos próximas recesiones', da que é autor o prestixioso analista financeiro don Juan Ignacio Crespo. A falta da lectura do texto, teño seguido por televisión (tamén a través de vídeos de Youtube) as explicacións que, sobre o contido do mesmo, ten dado o propio autor. Segundo el, antes do ano 2018 a economía mundial pasará por dúas novas recesións. Unha, na que xa estamos inmersos, e a outra, a que sufriremos nos anos 2016 e 2017. Con esta precisión, e así de contundente. Vaticinios os seus que, sen dúbida, desacougarán a uns e tranquilizarán a outros. Lamentarán, os primeiros, que metidos neste momento no medio e medio dunha crise durísima, con un paro que non acaba de crecer, con recortes nos servizos sociais, recortes nos soldos, suba de impostos, incremento da miseria e, por se algo faltaba, véñennos agora co anuncio de que os próximos anos serán aínda peores. Razoarán, os segundos, que se no ano 2016 caemos de novo en recesión, será porque antes teremos gozado de mellora económica, e iso está ben; ademais, segundo o propio experto, só serán dous anos de crise, e dous anos pronto pasan.


Ou sexa, que o tal augurio pode ser tomado nun sentido ou en sentido contrario, dependendo do enfoque que se lle dea ó tema. Pero hai máis. Pois pode ocorrer que don Juan Ignacio Crespo falle nas súas previsións e que, para ben ou para mal, as cousas se desenvolvan de maneira moi distinta ao que el pensara. Se hai acerto ou non nos seus augurios, o tempo dirá. Será entón (ano 2020) cando , de haber acerto, don Juan Ignacio reivindique con toda a xustiza recoñecemento público polo atinado dos seus vaticinios. Pero, ¿e no suposto de que houbese fallo? Pois, nese caso, o autor tería que preparar argumentos convincentes para saír airoso da situación. Claro que, tamén cabe a posibilidade de que non teña que desculparse de nada xa que para entón talvez ningún dos vivos se acorde dos seus anuncios. Polo que o asunto pasará a incrementar, sen máis complicacións, o voluminoso inventario de predicións non cumpridas.

Te puede interesar