Opinión

Rematando

Rematando, si, cunha cuestión que iniciara nun artigo anterior sobre a nova linguaxe do viño. Unha linguaxe, esta, moi rica en vocábulos impactantes e metáforas cativadoras: puño de ferro, mineralidade eléctrica, etéreo, fumo de mixtos, pedra de mecheiro,  color  moi aberto, nariz moi pechado, finisecular, morfolóxico, telúrico, fláccido, solermeiro, camisón de noiva en noite de voda. 

Que linguaxes tan distintos, os de agora, aos que, en tempos, se usaban por aquí! Cando para gabar os viños se dicía: Este viño arde nun candil. É un viño  que resucita aos mortos. Un viño que quenta as orellas. Éche un viño caralludo (con todas as variantes de ‘mala lingua’). Este viño ten resolio/rezolio (con augardente e azucre). Digan del  o que queiran, pero tenche unha agulla...! Este viño alegra ás penas .Éche un viño moi saltarín. Un viño moi ben encabezado. Viño precioso (que diría o Maxarita). E que cando o viño era malo dicíase del: Este viño éche espadeiro (de baixa graduación). Ou, Un viño que dá noxo. Ou, Este viño é unha purrela (de aí que che chamasen purreleiro ao indiviuo que vendía ou servía un viño de mala calidade). Cando non,  empregando expresións cargadas de burla: Por onde vai, molla, e refrescar, refresca. 

Que linguaxes tan distintos! Pero, cal o máis apropiado? Xa lles teño oído aos defensores da “nova escola” atacar con dureza á escola doutros tempos por non fundamentar como é debido ás súas valoracións e por empregar termos dunha vulgaridade que proe. En tanto, aqueles, tachan a nova moda de “bailes de salón” que, en lugar de informar, dáselles por escribir prédicas absurdas que ninguén entende, nin sequera eles mesmos. Chegados a este punto cabe preguntar, quen ten a razón? Pola miña parte, non sabería moi ben que dicir. Xa que así, e se me desculpan, permítanme que recorra ao hermeneuta Hans-Grorg Gadamer cando di nunha das súas obras: A linguaxe só ten verdadeiro sentido, se acorde coas formas de vida de cada lugar e de cada momento.

Te puede interesar