Opinión

RESPONSABILIDADES

Dende esta columna, e armado de valor, a comezos de febreiro tomeime a liberdade de dirixirme ós responsables das distintas entidades bancarias do país cunhas propostas moi simples para gañar a confianza dos clientes Primeira: Redución salarial de altos directivos, asesores e conselleiros; unha redución que, no caso caixas/bancos con axudas públicas, debería ser incluso superior á fixada polo Goberno. Segunda: Retirada das comisións que se estaban a cobrar aos clientes, algunhas delas claramente abusivas. Terceira: Elaboración de protocolos que recollan de maneira clara e concisa os custes, rendementos prazos e riscos para os clientes de hipotecas, préstamos, depósitos, plans de pensións, fondos e outras 'preferencias'.


Vai dous meses daquela, e qué se fixo dende entón. Pois algo, penso que si. Certo que os salarios dos altos directivos seguen a ser moi altos; pero a maioría deles cobran a metade ou un terzo do que cobraban. En canto as comisións bancarias, algún cambio ten habido; ao menos esa é a publicidade que anda por aí. ¿E o da claridade dos protocolos? Nada se sabe. Asunto delicado, iso da claridade, que segundo para qué, ata pode ir en contra dos seus intereses. Por se as miñas propostas de entón tivesen influído algo nas melloras apuntadas, aí van dúas novas peticións a ver cómo resulta. Pido que, con carácter inmediato, se lles devolva aos clientes que o soliciten a totalidade do diñeiro invertido nas chamadas 'participacións preferentes'. Un produto financeiro moi complexo que un día se lles encasquetou sen eles saber o que había detrás, e fiados da boa fe que lles supuñan a unhas entidades bancarias das que viñan sendo clientes de toda a vida. Outra, e bastante relacionada coa anterior. Pídolles aos xestores das caixas e bancos de entón que no máis breve prazo posible fagan entrega, a quen corresponda, dunha alta porcentaxe das remuneracións que eles mesmos se asignaran. Un diñeiro que ben podería empregarse para aliviar os casos máis desesperados das 'participacións preferentes', vítimas de cando aqueles con mando.


Claro que, pensándoo ben, qué lles importa a eles (¡iluso de min!) o que diga eu ou non, cando nin sequera os propios afectados consegue movelos. Qué lles importa o que poida dicir eu. A realidade é esta, e non a que nun momento de euforia me puiden figurar.

Te puede interesar