Opinión

REVERSIÓN

Dende sempre se ven admitindo que do abano de posibilidades que se lle abren a persoa ao nacer, ningunha con máis garantía de cumprimento que a da súa propia morte. A morte, esa abstracción tan intimamente ligada ao ser humano que, en palabras de Heidegger, incluso forma parte da súa esencia.


Pois ben, cando polo acontecer diario tiñamos moi asumido o acabamento da vida, vai a revista americana CELL e publica uns avances científicos que, aparte de provocar desconcerto, parecen abrir unha físgoa á esperanza. De momento os investigadores, cuns manexos mitocóndricos que a min se me escapan, conseguiron reverter o envellecemento muscular duns ratos. Con anuncio de que pronto comezarán as experiencias con seres humanos. E, xa postos, absolutamente convencidos de que non só conseguirán bloquear o envellecemento das persoas senón que, tamén, devolver ós avós ós seus anos mozos. Non se nos aclara na revista se haberá un límite no número de retornos. De non existir límite, entrariamos, por fin, na cobizada fase de duración eterna. Sería unha vida de nunca acabar (a non ser que haxa un día de desgraza, non buscada, ou que a persoa estea cansa de vivir). ¿Chegará ese día? E quén o sabe. Pero poñámonos no caso de que si.


Por suposto que tales avances terían consecuencias moi positivas para a humanidade; ¡nada menos que a posibilidade de duración infinita! Pero tamén varias dúbidas, certos paradoxos e algúns problemas de difícil solución. ¿Cal a idade máis idónea na que situarse cada quen? ¿Estaría tal invento ó alcance da xente pobre? ¿Manteríase a actual estrutura familiar? Paradoxo de que poida haber avós moito máis novos cós seus propios netos. ¿Que ocorrerá se a todo o persoal se lles dá por volver a idade de cando foran nenos? Neste caso, quén se ocupará dos labores de subsistencia. Se ninguén morre e seguen os nacementos, ¿chegará o día no que non se caiba na Terra?


Todo o anterior non son máis que sonos, figuracións, degoiros. En todo caso, de pouco valerá que no futuro estes sonos se fagan realidade se, inventada a bomba capaz de rebentar o planeta nun só estouro, a alguén, en mala hora, se lle dea por premer o fatídico botón.

Te puede interesar