Opinión

ROCHA

Daquela, década dos cincuenta, puxérase de moda por decreto unha canción que comezaba así: 'Memoria de la Historia/ que a veces tiene que llorar/ ya tocan a rebato/ por el Peñón de Gibraltar'. Tamén outra que, 'Gibraltar, Gibraltar/ avanzada de nuestra Nación./ Gibraltar, Gibraltar/ punta amada de todo español./ Adelante por España/ que si en Rusia ya triunfó mi División/ no es bastante nuestra hazaña/ si es inglesa la bandera del Peñón./ A la lid a la lid/ empuñemos de nuevo el fusil./ A luchar a luchar/ con valor con valor/ que en tus rocas sabremos morir'.


¡Sabremos morir! Pois vaia plan. Despois de máis de cincuenta anos do canto, ¿que queda daquel ardor? Eu diría que case nada. En todo caso, aínda hoxe seguen deixándose ver polas proximidades do penedo dotadísimas fragatas británicas por se algún voluntario español quere facer realidade aqueles heroicos sonos de morte. Que os ingleses sonlle así de cumpridos.


Bloques de cemento, protestas de pescadores, denuncias de contrabando, acusacións de paraíso fiscal, grandes colas para cruzar a fronteira. E un tal Picardo (si, Picardo) contemplando a posibilidade de que o propio inferno se conxele se, por presións alleas, se ve na obriga de retirar os bloques. Son informacións, as anteriores, recollidas a diario en prensa, radio, televisión e abundantemente comentadas na redes sociais e demais tertulias do país.


Asunto serio, pero que, salvo desmando, non creo que vaia a maiores. Ao meu entender (por máis que de escasa garantía), Picardo retirará os bloques de cemento; ou, cando menos, afeitaralles os esgazadores ferros trampa. Haberá un maior control do contrabando. As colas de xente para cruzar a fronteira irán diminuíndo pouco a pouco. Incluso, non habería que descartar fotos amañadas de reconciliación entre tódalas partes. Agora ben para qué enganarse no delicado asunto paraíso fiscal, penso que non haberá ningún avance. E non só pola resistencia que poidan ofrecer dende a colonia; xa que contarán, tamén, co inestimable apoio de españoles adinerados que, por caerlles tan a man, esconden alí os seus diñeiros. (Diñeiros dos que, por certo, non lles preguntan pola súa procedencia). Confluencia de intereses, pois, contra a que pouco ou nada se pode.

Te puede interesar