Opinión

RUMORES

Non é moito o que aclara o diccionario da Real Academia Española ao definir o termo rumor: 'Voz que corre entre el público'. Definición que nada aporta xa que, na vida diaria, hai voces que corren entre o público sen segundas intencións. Resultando moito máis precisa a definición que inclúe o dicionario da Real Academia Galega: 'Noticia vaga que se difunde sen confirmar'. E ningún exemplo mellor para ilustrar este concepto que a confidencia que lle facía unha muller do meu pobo a unha veciña para alertala do posible estado de gravidez da súa filla solteira: 'Comadre, eu oíno (pausa). A min dixéronmo (pausa). Comadre, se por conto veu, que por conto vaia. Pero teño que dicirlle, polo que anda por aí, que a súa filla estalle embarrigada'.


Rumor, máquina estrambótica de orixe descoñecido, intencións ocultas, propagación vertixinosa e de imprevisibles efectos.


Consideracións, as anteriores, para situar no seu punto un par de rumores que recentemente circularon por estas terras, e dos que deseguido lles dou conta.


Ninguén soubo dicir de ónde saíra, pero durante uns días estendeuse o rumor de que altos exdirectivos das caixas galegas estaban dispostos a devolver, ou renunciar, ás retribucións que eles mesmos se asignaran. Sesenta millóns de euros, en total, (cerca de 10.000.000.000 de pesetas) que, segundo se comentaba, irían a parar ás mans de familias da nosa Comunidade que nestes momento están a pasar por apuros económicos moi serios. Pero rumor que caería por terra en canto comezaron a declarar aqueles ante a Xustiza e se soubo das súas verdadeiras intencións.


En vésperas das pasadas eleccións ao Parlamento de Galicia correu o rumor de que un individuo sorprendera ao señor Rajoy e ao señor Negreira (alcalde da Coruña) en animada conversa nunha cafetería daquela cidade. Que non tería outro particular, nin sería obxecto de comentario, se non se dese a circunstancia estraña de que ámbolos dous estaban a expresarse en idioma galego. Con toda a naturalidade do mundo . Pero rumor de escaso recorrido, e non porque os aludidos o desmentisen, que non facía falta. Pronto a xente caeu na conta de que, dada a displicencia de ambos cara ó uso da lingua galega, tal murmuración carecía de sentido. E o que non pode ser, non pode ser.

Te puede interesar