Opinión

SENTENCIAS

Cada vez que don Arturo Pérez Reverte publica un novo libro (e xa van sendo moitos), así se reaviva o enfrontamento entre admiradores e detractores da produción literaria daquel. Sosteñen os primeiros, con paixón, que Pérez Reverte é un dos mellores novelistas do mundo das últimas décadas, motivo polo que reclaman para el o premio Nóbel, '¡ya!'. Mentres, os segundos, teñen a don Arturo por escritor mediocre, sen outros méritos, aparte dunha entrega digna de eloxio, que o dunha abraiante sagacidade publicitaria que tantos rendementos lle está a producir.


Razóns terán uns e os outros para criterios tan dispares, e nos que eu non entro, parándome aquí, unicamente, nas sentencias do autor. Das que, por falta de espazo, tan só ofrezo unha breve mostra.


Declaraba don Arturo: 'Cada vez tienen más sitio los idiotas'. Don Arturo (a el me dirixo), se coa palabra 'idiota' vostede quere dicir o que eu penso que quere dicir, de idiotas non lle teñen nada. A non ser que queira dicir outra cousa.


'Para mí la estupidez es el motor del mundo', proclamaba o noso autor. E agora pregunto eu, ¿isto é bo ou malo? Se é a estupidez o motor do mundo, quén movería o mundo se non fose a estupidez. A ver don Arturo, quén. Vaia panorama.


'Europa está regida por unos payasos analfabetos'. Se lle son sincero don Arturo (falo en confianza), teño que confesarlle que esta ocorrencia, a diferenza das anteriores, non lle me gustou nada. Talvez, por non meditalo, acabou vostede ofendendo a un tempo tanto a pallasos como a persoas analfabetas. De sobre sabe vostede que o oficio de pallaso é un oficio tan digno coma outro calquera. En canto aos analfabetos, bastante desgracia teñen os pobres coa súa carencia, sen necesidade de que vostede os meta nunha babecada como esta.


'Internet es el triunfo de la estupidez'. ¡E voltas co da estupidez! Home, o intenet ten cousas boas, e cousas malas. Como case todo na vida. Así o lume, por un dicir. Tanta a súa utilidade, que se faría inimaxinable a historia do ser humano sen a existencia do fogo. Pero ao lado de tanta vantaxe, cómo ignorar as desgracias que nos pode carrexar. Cántas as casas ardidas, cántos os montes carbonizados, cántas as persoas achicharradas polo lume. Pois elle o que hai.

Te puede interesar