Opinión

SEPARACION

Segundo recollía La Región a semana pasada, o Tribunal Supremo acababa de emitir dúas sentencias dando a razón tanto á Xunta de Andalucía como ao Goberno de Cantabria na súa negativa a subvencionar a centros que imparten educación diferenciada por sexo. Sentencias que tomaran como base o artigo 84.3 da LOE relativo á admisión de alumnos en centros públicos e privados concertados: 'En ningún caso habrá discriminación por razón de nacimiento, raza, sexo, religión, opinión o cualquier otra condición o circunstancia personal o social'. Polo tanto, tal e como establece a LOE, a condición de centro concertado é incompatible coa separación do alumnado por sexos.


Coñecidas as sentencias do Supremo, as reaccións, nun sentido e noutro, non se fixeron esperar. Con manexo de argumentos tanto legais como psicobiolóxicos por ambas posturas. Dende o punto de vista legal, apelan os defensores de subvencións a este tipo de centros ao artigo 2º da convención da Unesco do ano 1960 no que se recolle, como excepción, que a diferenciación por razón de sexo no eido do ensino puidera ser considerada 'non discriminatoria'. Certo. Mais, ocultan os defensores que nese mesmo artigo se lles atribúe ós respectivos estados capacidade para decidir sobre a procedencia de tal excepción. Decisión que, no caso de España, aparece recollida no citado artigo da LOE onde se considera discriminatoria a separación do alumnado por sexo.


Argumentos psicobiolóxicos. Segundo os defensores da educación diferenciada, nenos e nenas teñen intereses distintos e distintos ritmos de maduración. Diferenzas cuestionadas por outros estudos, como os que recollía a revista Sciencia en setembro do 2011. Pero aínda dando por válidos os argumentos dos primeiros, ¿qué? Tamén entre os alumnos dun mesmo sexo hai intereses e ritmos distintos.


Entre tanto, qué está a ocorrer no 'mundo da vida' nesta nosa civilización. Nenos e nenas críanse xuntos na mesma casa, camiñan xuntos pola rúa, están xuntos no cine, nos parques, nas praias. E, de ser o caso, ocupando os mesmos bancos, rezan xuntos na igrexa. Tan só na escola separados.


Separación por razón de sexo. ¿E por razón de etnia, color, orixe, crenzas... tamén? Quén sabe. Sempre haberá quen busque argumentos para xustificar a separación.

Te puede interesar