Opinión

SUPOSTO

Pois resulta que en Suíza acaban de aprobar mediante referendo, e por gran maioría, unha lei para pór límite ás autorremuneracións que se viñan asignando os directivos das grandes empresas. Apoio maioritario que se viu favorecido polas críticas que recentemente suscitara a indemnización de 59 millóns de euros que ía percibir o presidente da farmacéutica Novartis ao abandonar a empresa.


Casualmente, a citada consulta realizouse na mesma semana na que se facía público que un exconselleiro de Telefónica ía ser remunerado con 24,7 millóns de euros por xubilación. Pero a diferenza do suízo (que renunciara ao cobro daquela cantidade, incluso antes da celebración do referendo), non hai noticia de que o 'noso' desbotara cantidade algunha. O cal, por outra parte, non debera estrañar. Por aquí, e en situacións como esta, rarísimos deben ser os casos de renuncia voluntaria. '¡Eso sí que no, eh!'


A todo isto, en Galicia, qué. Polo que respecta aos altos directivos das caixas de aforros, xa todo está dito. Indemnizacións/pensións millonarias auto asignadas, e ruína total das caixas. Así que, de momento, toca agardar a que, polas resolucións que procedan, devolvan un diñeiro do que nin eran merecentes nin que por contexto socioeconómico lles correspondía.


Segundo se ten publicado, parece que o Goberno, en sintonía con outros países europeos, ten intención de pór límite a estes desmadres. Veremos no que queda. Uns límites que irían en beneficio do común e que non lles causaría grandes quebrantos aos afectados, aos que incluso lles aforraría algún problema. Como así se desprende do suposto que segue. Xubilado de 70 anos exdirectivo de gran empresa. Percibe no momento da xubilación, unha vez deducidos os impostos, 35 millóns de euros. Esperanza media de vida para homes (segundo as últimas estatísticas): 82 anos. Polo tanto, dividindo 35 millóns de euros entre 12 anos de vida, sáennos 2.916.666 euros por ano. Que é tanto como dicir, 7.990 por día. Ou sexa, o xubilado do suposto dispón cada día de 1.329.424 pts. para gastos. E agora volvo sobre o problema do que antes lles falaba. Imaxinen ao noso xubilado preguntándose cada mañá nada máis espertar, '¿En qué gasto hoy un millón y pico de pesetas? A ver, en qué, en qué?'. É o que acostuma a pasar en situacións así.

Te puede interesar