Opinión

SUXESTIÓNS

Nos últimos tempos -antes non 'saían'- as noticias sobre corrupción están a ocupar cada vez máis minutos nos telexornais das distintas cadeas. E, polo que se comenta por aí, con notable seguimento de espectadores calquera que sexa a cadea e o seu ámbito de influencia. Chegadas as cousas a este punto, talvez resulte oportuno que por parte dos directivos das respectivas empresas se procedese á reestruturación dos seus informativos co obxecto de reservar un espazo fixo nos telediarios a asunto tan serio, e cun tratamento similar ao que se lles ven dispensando tanto ás noticias deportivas como á información do tempo.


Unha sección que, a súa vez, estaría subdividida en dous apartados. Un apartado con 'noticias frescas' de alladas novas e outro no que se volvería, con datos actualizados, sobre corrupcións antigas.


Trazado o esquema xeral, sería o momento de abordar o deseño da súa estrutura, de determinar ás necesidades de persoal, de facer relación de recursos necesarios e do emprego de materiais de apoio (mapas, fotografías, vídeos). Cuestións, as anteriores, nas que non vou entrar nesta columna, tanto por falta de espazo como por falta de coñecementos no tema. Limitándome a anotar, aquí, algunhas consideracións sobre materiais de apoio.


Aproveitando a experiencia na información meteorolóxica, tan intuitiva, sería recomendable o emprego de mapas nos que mediante iconos, cifras e siglas se fixese posible unha visión global, e por comunidades, do estado da cuestión. E nos que puidesen incluírse: modalidade da corrupción (adxudicación de obras, saqueo de institucións, contratación de servizos, etc.); cantidade de euros en xogo; número de persoas encausadas; siglas das organizacións implicadas; e número de caixas con documentos. Por suposto, os iconos terían que gardar relación coa tropelía de referencia. En canto ao número caixas, que nun principio puidese parecer asunto menor, é o aspecto no que máis se centran as cámaras de TV ao descubrirse un novo caso. Falo dese desfilar atropelado de axentes de chaleco reflectante portando misteriosas caixas de cartón (en plena era dixital, ¿que levarán dentro?, ¿papeis?). Dada a súa importancia, son as imaxes máis repetidas de todo o proceso.


¿Para cando un espazo propio? Materia non falta.

Te puede interesar