Opinión

Unha táctica moi rendible

Foi a comezos do pasado mes de outubro cando a revista XL Semanal publicou un artigo de don Arturo Pérez Reverte que leva por título “No siempre limpia y da esplendor”, en referencia á Real Academia Española. E xa dentro do texto, “En la Academia hay de todo. Gente noble y valiente (que sería o seu caso) y gente que no lo es. Hombres y mujeres de altísimo nivel (que de novo, sería o seu caso) y algún tonto del ciruelo y alguna tonta talibancita de pepitilla”, como crítica ós membros da institución defensores do desdobramento de xénero nos centros escolares. O que provocou un profundo malestar entre os membros da Academia, con resposta contundente do académico don Francisco Rico e, por suposto, con reacción machote daquel. Refrega que veu a coincidir, oh casualidade!, co anuncio, por parte de don Arturo, da presentación dunha nova novela. Unha táctica que ven empregando, dende sempre, con cada nova publicación. “Cada vez tienen más sitio los idiotas”. “Europa está regida por unos payasos analfabetos”. “Somos un país de gilipollas, gobernado hace siglos por mediocres analfabetos y acomplejados”. “No tengo nada contra las lumis (prostitutas). Pero alguien tiene que parir a ciertos políticos que mojan en nuestras 17 salsas”. “Para mí la estupidez es el motor del mundo”. “Internet es el triunfo de la estupidez” (e veña coa estupidez!). “Aquí en España todos hemos sido hijos de puta”. Sentencias, no seu momento, moi celebradas por uns e moi criticadas por outros; pero sempre coincidentes coa aparición dun novo libro do autor. E así, durante o pasado mes de outubro foi entrevistado, a diario, en prensa, radio, televisión, aulas de cultura, caixas de aforros... En fin, publicidade gratuíta; xogada perfecta. 

Pois claro que si, que tamén eu comprei a tal publicación; e por máis que fose a primeira vez que compraba unha novela do señor Pérez Reverte. Novela da que non vou facer ningún comentario. Nin a favor, nin en contra. Que alá cada quen cos seus gustos. En todo caso, ¿estaba xustificada tanta entrevista? Pois volvo ó mesmo: para uns si, e para outros non. 

Por ir rematando. Seguro que na actualidade hai autores españois que escriben peor que don Arturo Pérez. Por suposto que si. Pero outros haberá que o igualen en calidade literaria, ou que incluso o superen. Logo entón, pregúntome ¿por que a maioría destes últimos pasan case sempre desapercibidos, ou mesmo ignorados, cando presentan unha novela? Ah! Aí está a cuestión. ¿E non será porque lles falta esa suficiencia, esa petulancia, esa chulería, esa gracia berberechil que domina como ninguén o tal señor Pérez Reverte? Tamén pode ser. Agora ben (e non me doen prendas dicilo) o que nunca cuestionarei eu de don Arturo é esa súa abraiante sagacidade para facer negocio.

Te puede interesar