Opinión

TERXIVERSANDO

Tan desastrosos, para España, os resultados do programa PISA? Oíndo ás autoridades do Ministerio de Educación e aos seus voceiros ('somos la vergüenza de Europa'), é para botarse a chorar. Claro que os resultados poderían ser mellores. Por suposto. Pero resulta lamentable que teñan recorrer a descualificación groseira para darlle pulos a unha Lei que foi aprobada sen consenso.


Vaiamos por partes. Xa que se nos di que somos a vergonza de Europa, que sexa cos países da Unión Europea cos que fagamos a comparación. Comezando pola Competencia Lectora. Puntuación media da UE: 489. Puntuación media de España: 488. Matemáticas. Puntuación media da UE: 489. Puntuación media de España: 484. (Para os xestores do programa, unha diferenza 'non significativa'). Ciencias. Puntuación media da UE: 497. Puntuación media de España: 496. Unhas puntuacións, pois, practicamente iguais. Pasemos agora a comparar os resultados das distintas comunidades autónomas de España cos da media da Unión Europea.


Ciencias: Nove comunidades de España, das 14 que participaron nas probas, por encima da media da Unión Europea (entre elas, Galicia, cos mesmos puntos que o Reino Unido). E cinco comunidades por debaixo da media.


Matemáticas: ¡Dez! comunidades por encima da media europea (entre elas, Galicia). E catro comunidades por debaixo da media.


Competencia Lectora: Nove comunidades por encima da media europea (entre elas Galicia, que de novo coincide co Reino Unido, e que supera, entre outros países relevantes, a Dinamarca, Italia, Austria, Suecia...) E cinco comunidades por debaixo da media.


¿Como, con estes datos, unha Secretaria de Estado pode incitar á protesta callejera contra uns resultados do seu propio departamento?: 'Apoyaría alguna manifestación para poner en evidencia los bajos resultados de los alumnos españoles'. Ou, ¿como en referencia a estes datos, un Ministro de Educación pode falar de 'fracaso importante en el progreso académico de España en esta década'? Unha década, señor Ministro, na que, segundo o Eurostat, España foi o país europeo que recibiu o maior número de inmigrantes. Con fillos que, incorporados ó noso Sistema Escolar, nos últimos anos veñen participando nas probas do PISA. Sendo así, ¿tan malos os resultados?

Te puede interesar