Opinión

TRANSIT GLORIA

Aínda que ser un gran afeccionado ao espectáculo do fútbol, si me produce un certo desazo que semana tras semana os equipos galegos de primeira división non sexan capaces de abandonar os últimos postos da 'táboa'. Doéndome, tamén, os graves insultos que, nos foros de opinión, os hinchas dos respectivos equipos lles dirixen a xogadores e adestradores. Borregos, ceporros, zopencos, maulas, peseteros, inútiles, lerdos, torpes, mente ridícula, esperpento de equipo, bochorno, espectáculo penoso. Duro, ¿non? Eses mesmos xogadores e adestradores que vai menos dun ano, e recén ascendidos á primeira división, eran saudados pola multitude con palabras de rimbombo: titanes, héroes, genios, campeones, colosos, jabatos. Cualificando os seus triunfos como: proeza memorable, triunfo arrollador, juego divino, toque sublime, gesta histórica, magia total, epopeya heroica. E outras loanzas de similar especie. Mais, non só palabras. Durante unha semana, Vigo e a Coruña viviron en folión continuo tanto de día coma de noite, nunha entrega impagable de charangas, gaiteiros e tamborileiros. Destacando, entre todas as celebracións, a gran festa de homenaxe aos protagonistas de tal proeza. Con percorrido en autobuses polas rúas principais de ámbalas cidades, aos que lles ían abrindo paso ducias de motoristas. As veiras das rúas, milleiros de cidadáns que, en delirio extremo, axitaban bandeiriñas, aplaudían e berraban. En cada balcón, bandeiras, escudos e gallardetes. Un percorrido que remataba no campo de fútbol, onde se habilitara un escenario inmenso no que dar acollida a xogadores, adestradores, directivos, autoridades, 'peñas' e outros. Abrazos, bicos, choques de man, palmadas nas costas. Alegría no dicir, felicidade no rostro, xúbilo desenfreado. '¡Silencio, silencio, por favor!', esgorxábase o presidente para dar inicio á intervención dos oradores. O problema estaba en que todo o mundo quería coller o micrófono; dando lugar ?con isto non contaban? a violentos empurróns e a algún insulto que outro. Pero incidentes que, en ningún caso, foron quen de quebrar a felicidade do momento.


Días felices aqueles, días de gloria, nos que todo eran loanzas. E agora, pasados uns poucos meses, qué se fixo de tanta veneración. Qué. No 'Sic transit gloria fútbol', está a resposta.


Te puede interesar