Opinión

TRES

Logo entón, ¿que teñen de común o señor Bárcenas, o señor Vázquez e o señor Aznar? Pois, aparte outras posibles semellanzas/diferenzas nas que non vou entrar aquí ?quede isto moi claro dende un principio?, aos tres lles cabe o honor de ser protagonistas principais de sendas fotografías que, pola súa transcendencia, ben seguro que pasarán á Historia.


Por seguir un orde cronolóxico, comecemos polo señor Aznar López. Con ocasión dunha xuntanza do grupo G-8 celebrada no Canadá no 2002, e á que asistira o señor Aznar en calidade de presidente de turno da UE, alguén tivo a feliz idea de recoller en foto a escena na que aparecen, en plan desafío, o presidente G. Bush e o presidente do Goberno español apoiando, ámbolos dous, os pés enriba dunha mesa sobre a que había uns cantos pasteis e un par de cuncas de café. Completando a escena, o presidente francés J. Chirac, o chanceler alemán G. Schröder e o primeiro ministro xaponés J. Koizumi, que observaban abraiados a ousadía do señor Aznar de competir, en cuestión de levantar pernas, co mandatario máis poderoso da Terra.


Pasemos ao señor Vázquez, ao coruñés don Francisco Vázquez. Do que se conserva en internet unha foto memorable de cando el embaixador de España na Santa Sede. Cubrindo o seu traxe de cerimonias, e sen que coubese nin un adorno máis, bandas, colares, cruces de distintos colores, medallas de todo tipo, faixíns, lazos... E mesmo pugnando por dicir, segundo a expresión dos seus labios, 'Y también tengo la de la Orden Piana, y la Constantiniana, y la del Príncipe Danilo, y muchas otras más'. Nunca na historia do mundo diplomático ninguén lucira tal número de condecoracións. ¡Nunca antes, nin nunca despois!


Por último, o señor Bárcenas, e a súa famosa peineta. Cando, de regreso do Canadá, empuxaba un carro portaequipaxes pola terminal de Barajas, ante as preguntas de distintos medios de comunicación e os berros de persoas que andaban por alí, don Luís, nun arranque que deixou a todos confundidos, levantou o brazo esquerdo, e ao tempo que endurecía a expresión do seu rostro, configurou co puño unha peineta de tal contundencia que deixaba en gracia de nenos aquela outra peineta do señor Aznar López. Marcando, co seu toque, un nivel case imposible de superar.

Te puede interesar