Opinión

UAV ATÓMICO

Na súa edición do 2 de abril, o xornal The Guardian daba conta de que EE.UU. está a elaborar un plan para a posta en funcionamento de avións non tripulados de nova xeración (Atomic UAV), propulsados por enerxía nuclear. Un proxecto que, segundo recolle o xornal británico, está moi avanzado. Os novos enxeños -en opinión dos expertos teñen enormes vantaxes sobre os avións non tripulados actualmente en uso. Ao empregar enerxía nuclear, a súa permanencia en voo será moito máis duradeira que a dos UAVs actuais, pasando dunha permanencia de 14 horas, como máximo, a unha permanencia, sen repostar, de varios meses. Unha enerxía moito máis barata que a que consumen agora, co conseguinte aforro de gastos no seu funcionamento. Por outra parte, o peso do combustible será moito máis livián, o que lles permitirá transportar unha maior carga de bombas, de mísiles e de equipos de observación e comunicación. Moitas vantaxes, pois.


Vaiamos cos inconvenientes. Está comprobado estatisticamente que os avións non tripulados son moito menos seguros que os convencionais, sobre todo nos seus aterraxes. Polo que, en caso de accidente, un avión propulsado por enerxía atómica provocaría unha catástrofe devastadora en moitos quilómetros á redonda. Tampouco hai que desbotar a posibilidade que 'países inimigos' se fagan con algún destes aparatos, aparatos que tal vez empregarían, con prioridade sobre outros obxectivos, contra as bases onde teñen asento os seus 'irmáns'. Trasmiras, de ser o caso.


Inconvenientes que comentaban, con gran preocupación, algúns lectores do citado xornal, chegaban a cualificar o proxecto de aterrador pesadelo. Aínda que había outros que non vían as cousas tan negras. 'Non sei qué é o que temedes -dicía un-. Non vexo eu motivo para tanta preocupación. Eses avións en ningún caso voarán sobre o Reino Unido, senón sobre outros países, para protexernos'. (Trasmiras, Ourense, Galicia, por un dicir, pensaba eu para min).


Por último, e por se o dato puidese proxectar algo de luz sobre asunto tan escuro, quizais resulte oportuno recordar que Northrop Grumman, empresa que no futuro se encargaría da construción deste tipo de aparatos, é a mesma que emitiu informe, informe ateigado de loanzas, a favor da instalación dunha base experimental do invento no concello de Trasmiras.

Te puede interesar