Opinión

VALOR

A noticia foi acollida como ocorrencia graciosa. Unha muller británica, residente en Málaga, acababa de celebrar en vida o seu propio funeral. Cadaleito, furgón funerario, pastor oficiante, parentes, amigos, coroas de flores, obituarios, lamentos; tal como se se tratase dunha morte calquera. ¿Cal fora a razón que levara á anciá a organizar acto tan lúgubre como aquel? Segundo ela, non era máis que unha estrataxema para que familiares e amigos asistisen á celebración do oitenta aniversario do se nacemento. ¡Vaia! Estraña maneira de convencer aos seus achegados. Moi estraña, si.


Caso diferente, pero relacionado, o daquel veciño que, en martes de carnaval, participou como actor na celebración das súas exequias. Coas campás tocando a defunto, cadaleito, vestimentas de loito, responsos e choros. Parodiando, así, un transo vivido por el un mes antes, no que todo o mundo o daba por morto. Pero historia que acabaría aos poucos días do carnaval cando, nun terceiro e definitivo acto, o viría a visitar, e xa sen máis comedias, a morte verdadeira.


Que no seu retiro de Yuste, o emperador Carlos V organizou e tomou parte activa na celebración de actos fúnebres na súa honra, é crenza que se ven admitindo dende moi antigo por distintos autores. Que sobre un túmulo, e metido nun ataúde, seguía con toda a devoción a misa de defuntos; que acompañaba co seu canto os responsos dos monxes do coro, e que rezaba pola súa propia alma, unindo os seus rezos aos do resto dos asistentes. Certo que hai historiadores que cuestionan o relato. Pero narración que, por familia, resulta bastante crible dadas as prácticas necrolóxicas da súa nai, dona Juana la Loca.


Por non falar da 'Romaxe dos cadaleitos' de santa Marta de Ribarteme (concello de As Neves), ou da 'Procesión das mortaxas' da Pobra do Caramiñal.


Persoas distintas, de distintas épocas e lugares. Pero talvez todas elas ligadas por un mesmo sentimento, cal é o de non esconderse ante as alladas e desafíos da morte. Postura que no fondo ven a coincidir, máis ou menos, co pensamento do filósofo alemán Martin Heidegger para quen tan só vive unha 'existencia auténtica' aquel que, consciente das súas posibilidades, é capaz de enfrontarse abertamente coa idea da morte.

Te puede interesar