Opinión

VEROSIMILITUDE

Odía dos Inocentes anunciaba este xornal con grandes titulares: Un grupo chino gestionará el edificio del Banco de España. Nunha extensa información íase dando conta do convenio firmado entre o concello de Ourense e a empresa china Shèng Ying mediante o cal se lle cedía a aquela a explotación do citado edificio por un período de 25 anos. Noticia que resultaba verosímil, tanto polo ben 'documentada' que estaba como polo contexto no que hoxe nos movemos. ¿Verosímil que no futuro o Banco de España poida estar ocupado por unha empresa chinesa? Pois, máis alá da inocentada, penso que si.


Verán. Quén podía imaxinar daquela (falo dos meus anos mozos) que co paso do tempo o Coliseo Xesteira acabaría dando en restaurante chinés. O Xesteira, a sala das máis grandes producións, con películas maxistrais que aínda hoxe perduran vivas na miña memoria. Más allá del Missouri; para min, unha das de maior encanto de todos os tempos. Raíces profundas; que despois vería non sei en cántas ocasións, e sempre con gusto. La gata sobre el tejado de Zinc; era a primeira vez que eu asistía á proxección dunha película cualificada con un 4 ('gravemente peligrosa') pola censura da época. La ley del silencio, e tantas outras. Con Alan Ladd, C. Gable, P. Newman, Elizabeth Taylor, M. Brando..., en presenza real en cada recanto da sala. Quén podía maxinar, repito, que na fachada daquel coliseo ía lucir agora o rótulo Wok Chang, con carta de 200 pratos asiáticos, e 'calamares a la romana' como especialidade da casa.


E logo está o caso do Colexio Oficial de Arquitectos de Ourense. No que entrei unha soa vez, pero suficiente para facerme cargo da exquisitez arrebatadora das súas instalacións. Pois de todo o que alí había xa non queda nada de nada, e si un establecemento chinés no que, entre outros produtos, se poden adquirir tixolas de dous mangos e casetas para coellos.


E, ¿cales os próximos obxectivos? Talvez a antiga prisión provincial, ou o cuartel de San Francisco, ou os locais que vaian deixando baleiros o Goberno de España, a Xunta de Galicia, o Concello de Ourense. ¡Non, non!, haberá quen diga. Pois para os descridos traerei a colación un dos proverbios chinos máis sabios: 'Cando o diñeiro fala dende a abundancia, ata os incorruptíbeis dragóns gardan silencio'.

Te puede interesar