Opinión

VÍDEOS

Dende hai bastante tempo se ven repetindo, case como algo aceptado, que as campañas electorais tan só serven para convencer ós xa convencidos. Incluso se empeza a oír, cada vez con maior insistencia, que a campaña electoral dun partido, apoiada en mensaxes desatinadas, corre o perigo de disuadir a moitos dos seus potenciais votantes. Pensamentos que se me viñeron á cabeza na tarde de onte, 8 de novembro, mentres revisaba cadanseu vídeo (tamén os comentarios) de dúas formacións políticas que concorren ás actuais eleccións catalás. Falo de C's, (Ciutadans) e de UPyD.


No vídeo do C's, seis simpatizantes do partido, con música de fondo do Himno Nacional Español, van recitando alternativamente, verso a verso, a letra dun himno que no seu momento compuxera J. Sabina, e que agora llela cedía ('un honor para mi', en expresión do cantante) a Ciutadans. ¿Tan lamentable é a letra de Sabina para que lles faga perder votos? Aínda que o poema non sexa ningunha marabilla, con abundancia de ripios de cartón, ten algúns versos, Ciudanos tan fieramente humanos (iso si,calcado dun título de Blas de Otero, 'Ángel fieramente humano'), algúns versos, digo, que lle dan certa prestancia. A perda de votos, logo, non vai ir por aí. Por ónde, entón. Aparte do desencanto dos devotos de Sabina ('Nunca me imaginé que daría un cambio tan radical'), as maiores desercións virán polo outro lado ('Qué engañados nos tenía el Riverita. Y va, ahora, y pacta con uno de los zapateristas de la ceja'). Aparte, haberá posibles votantes que receen dalgúns dos presentadores do vídeo (caso do exportavoz dos controladores aéreos, de cando o de colapso dos aeroportos españois naquelas festas de Nadal). Agora ben, pese a que as fugas polo do vídeo serán moitas, os resultados, para eles, poida que non sexan nada malos.


En canto ao vídeo de UPyD, non hai moito que dicir. Vídeo inspirado nunha das escenas de 'A vida de Brian', pero en plan chabacano. Recurso, o da parodia badoca, que non creo que lles rente moito en Cataluña. Talvez o saiban, e non lles importe, se con esta manobra conseguen incrementar o número de adeptos noutros caladoiros.


En fin, e por se lle serve de consolo, non é descartable que algúns dos outros partidos caian en babecadas similares, e aínda peores.

Te puede interesar