Opinión

Carta aberta aos votantes de Pérez Jácome

Estes son os meus principios, se non lle gustan teño outros”. Algo así pensamos cando Pérez Jacome renunciaba ao seu programa electoral con tal de obter os votos necesarios para sentarse por fin na cadeira de alcalde. Nese mesmo momento comprendemos a falta de credibilidade do seu proxecto político, sendo quen de traizoar calquera compromiso adquirido cos seus votantes se con iso atendía as súas ansias de poder. 

A falta de solidez do proxecto político de Pérez Jacome deriva do contexto da súa propia aparición. Nunha atmósfera de corrupción sistémica e aumento das desigualdades, a forma en que tanto Partido Popular como Partido Socialista afrontaron a crise económica e financeira dende o ano 2007, antepoñendo a banca perante o rescate ás persoas, afondou irremediablemente nunha desafección social coa clase política posta en evidencia polo 15M en maio de 2011; unha data que de seguro será empregada como fito histórico de peche dunha etapa, o fin do modelo político e social derivado da Transición. 

Este fin de ciclo é algo apreciable tamén na escala local, onde os resultados electorais de maio de 2015 situaron ao Partido Socialista no seu mínimo histórico; caída que pola contra non iría en beneficio do Partido Popular, senón de Pérez Jácome, aquel que durante anos axudara a calcificar a crise de representación nunha canle de televisión local. Así era que nun momento de total desafección de cara aos partidos políticos tradicionais, as súas formas e insultos representaban mellor que ningunha outra a impugnación social a un sistema xa en descomposición. Calquera de nós, despois de todo un día procurando unha saída laboral para non emigrar ou traballando por unha baixa remuneración, sentíase representado cando ao chegar a casa escoitaba na televisión as súas palabras. Quen non pensou nalgún momento aquilo de “cando menos, dá caña”. 

Pérez Jácome aproveitou deste modo unha crise de representación no solpor dun mundo en descomposición. O mesmo que ten aproveitado o seu admirado D. Trump, e que pretenden aproveitar Farage ou Le Pen. Unha fenda nas democracias occidentais que supón o triunfo do machismo, o racismo, a xenofobia e o capitalismo salvaxe. Pero nin Pérez Jácome nin D. Trump representan cambio algún, máis ben representarían o monstro do claroscuro de Gramsci entre o vello mundo que morre e o novo que tarda en emerxer. O seu personalismo e autoritarismo, nula capacidade de consenso e a súa aposta de xestión en base ás regras do mercado que desmantelarían calquera servizo público como a sanidade ou a educación, non representan cambio algún senón unha exacerbación do pasado. 

Superada a fase de impugnación, do insulto de indignidade que cun golpe nas prazas fixo tremer a todo un estado e xirar a mirada internacional, é tempo de avanzar. Por iso este xa non é o mundo de Pérez Jácome. Entramos agora nunha nova época, aínda en xermolo, na que debemos acadar unha renovación democrática das institucións escoitando a voz de todas, de xerar novos consensos que sitúen no centro ás persoas e o seu benestar, de blindar os servizos públicos, etc. É tempo do novo mundo, de mirar ao futuro con novas miradas, e non coas do pasado. Agora “dar caña” supón construír e non destruír.

Te puede interesar