Opinión

Xaime Quessada e o Nadal

Fai hoxe oito anos do pasamento de Xaime Quessada. Era tempo de Nadal, unha etapa que el sempre recordou con tenrura, porque nesas datas debuxaba cos seus irmáns inxenuos crismas que, cos azulexos pintados que vendían todo o ano, completaban a pensión de viuvez e axudaba como apaño económico aos modestos ingresos que recibía a súa nai polas clases de piano impartidas na casa.

Todos os días me miras a través dun autorretrato que me regalaches fai agora dez anos e non sei que estarás pensando, mellor dito, que me estarás falando porque o teu era falar. Posiblemente estarás debullando como está a situación da estabilidade política, un demócrata valente coma ti teno claro, é momento de mollarse, aínda que esteamos no Nadal.

A túa mirada me di que segues atento aos acontecementos persoais de cada un de nós, e como bo estratega buscarás a maneira de aconsellarnos ben. Na laudatio que, con motivo do teu recoñecemento como fillo predilecto da provincia fixen ese día, falei de que fuches un home “excesivo” en todo, e o manteño. Fuches excesivo na túa xenerosidade colaborando con canta asociación ou institución cho pedía, fuches quen de inculcarlle a túa xenerosidade ó teu fillo, o outro artista da familia. Sempre fuches un excesivo provocador; sabías moi ben como alimentar a polémica. En plena crise sobre os honores á Bandeira, home significado na esquerda pero sobre todo de pensamento plural como eras, saudabas cun “viva España”.

Fuches excesivo como pintor, como dixo un común amigo, cando algún día perdamos o medo a falar do noso con idéntica ambición e orgullo con que o facemos do alleo, alguén dirá de Xaime Quessada que foi un pintor para un século e que polo tanto será irrepetible hasta dentro doutro cento de anos. E isto será cando este país sexa xa outro e nós xa non esteamos nel para constatala presenza dun pintor que levaba no corazón un forno encendido e el non o sabía.

Bo Nadal!
 

Te puede interesar