Opinión

PROGAPE, políticos concienciados ou obrigados?

Hai moitos anos, máis de vinte, que colaboro coa causa animalista. A defensa dos dereitos dos animais foi unha cuestión trascendental nos meus comezos activistas e incluso na miña inclinación profesional. Hoxe xa son moitas máis as compañeiras que se adican á defensa xurídica dos animais, pero os comezos foron opacos, e cheos de trabas.

A situación dos animais custodiados polas administracións mudou considerablemente nos últimos anos, pero aínda queda moito por facer. Canceiras, protectoras e albergues. Concellos e deputacións. Subvencións e doazóns. Leis e ordenanzas. Abandono e adopción.

Todas estas variables compoñen, ou descompoñen, o marco actual que enmascara, en ocasións, o maltrato e o abandono animal.

Pero, é unha cuestión política, moral, civil ou xurídica?

O 11 de outubro de 2017, publicábase no Diario Oficial de Galicia a Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia. O lexislador galego considerou a necesidade de mellorar e actualizar con esta nova lei a anterior lexislación, do ano 93. Pero a publicación non estivo exenta de polémica: é fráxil nos compromisos para garantir un amparo real, unha oportunidade perdida, como xa o manifestaron hai un ano moitas das entidades que traballan a diario coa protección e benestar dos animais.

Se miramos ao ámbito estatal, non existe en España unha lei marco de protección animal que harmonice as normas a nivel autonómico. Así que, a norma autonómica e as ordenanzas municipais convértense nas únicas ferramentas xurídicas para a protección dos animais en Galicia.

progape

Progape é a asociación que xestiona a protectora municipal de Ourense, que leva traballando 18 anos na nosa cidade. A protectora, ou albergue, conta con case 500 animais entre cans e gatos. A asociación traballa cun convenio asinado anualmente co Concello de Ourense que ascende a 105.000 euros, ao que se suman as doazóns anónimas, as doazóns alimentarias e as doazóns a través de ferramentas on line para a recadación de fondos económicos. Ademáis, está prevista unha mellora das instalacións: novos canís, puntos de alumeado e auga potable. Quizáis chegue con esa reforma aquel ansiado e necesario quirófano para urxencias veterinarias, que nunca se chegou a facer.

O persoal laboral contratado pola asociación non é abondo, e voluntarios e voluntarias poñen o seu tempo á disposición dos animais que alí residen. Aínda así, non é suficiente. Hai un problema de fondo sen resolver: o aumento dos abandonos.

Campañas de concienciación sobre a necesidade de castrar e esterilizar, leis contra o abandono animal, endurecemento das penas ou implementar altos impostos pola compra de animais con pedigree foron algunhas das medidas levadas a cabo por países como Holanda para acabar totalmente co abandono de cans. Aquí, ningunha administración, nin autonómica nin municipal, soubo porlle fin á cuestión.

E ante toda esta escena, atopamos un Ourense sen ordenanza municipal e con compromisos moi febles e dependentes das decisións e movementos da Xunta de Galicia.

Mentres, os animais da protectora, que non atenden a cuestións de índole política, esperan unha solución. As porcentaxes de chegada de animais son incuestionables: por cada un que marcha en adopción, poden entrar seis no mesmo día. Logo entón, algo está fallando. Está fallando a cobertura xurídica autonómica, por publicar un texto con carencias, está fallando o concello de Ourense, por non ter unha ordenanza municipal que garanta aspectos esenciais para a protección e benestar dos animais. Falla a moral, falla a política e falla a sociedade, que nin se cuestiona por que un programa electoral como o do Partido Popular de Ourense, ese que goberna no concello, non contén nin unha sola mención aos animais nas súas 200 propostas.

Queda moito por facer, queda sumar conciencias e compromisos, falta un proceso de responsabilidade e implicación, que só ten sentido desde a colectividade, desde todos os estratos da sociedade, para entender e garantir, desde o respecto, a protección e o benestar dos animais.

Te puede interesar