Opinión

Asalto á biblioteca do mosteiro

odos os que tivemos a sorte de estudar no Instituto de Celanova sabemos que a súa biblioteca é unha xoia que brilla con luz propia. Antiga biblioteca monástica, armería da Milicia Nacional trala desamortización, capela cos escolapios... e hoxe, felizmente, outra vez biblioteca, sala de estudo e cultura, refuxio durante os recreos que preceden ós exames.

Se xa Castellá Ferrer se lamentaba a principios do século XVII da facilidade coa que se sustraían os libros do convento celanovés, a desamortización do XIX supuxo a mutilación inexorable do rico patrimonio bibliográfico atesourado durante séculos nos seus estantes, como denunciaría Curros Enríquez. Neste escenario ocorreu a curiosa historia que da título a este artigo e que se conserva en forma de auto xudicial no Arquivo Histórico de Ourense.

Era o último día do ano 1835. Esa mañá, cando o freire exclaustrado don Torcuato Peña e o licenciado Antonio Álvarez de Novoa, fiscal do partido de Celanova, chegaron á biblioteca para continuar co inventario de libros, do cal estaban encargados, atopáronse con que na habitación contigua, coñecida como “celda de Recreaciones”, había un tabique roto: “Esta novedad nos hizo ver que tal vez por aquella parte se proyectaba un asalto a la librería”, rezaba o oficio que enviaron ao xuíz.

Como se pensaba que os asaltantes aínda estaban alí, pois a porta estaba pechada por dentro, o xuíz ordenou “que inmediatamente se pase al reconocimiento de la havitación denominada de la livrería y tabique oradado, poniendo guardias en todas las puertas del Monasterio y registrando todas sus habitaciones y desbanes hasta conseguir la captura de aquellos”.

A operación saldouse co prendemento de dous pícaros aos que se sorprendeu tocando o órgano do coro alto, Verísimo Fernández e Antonio Pérez e Novoa (este último parente do fiscal), de 17 e 15 anos, respectivamente, segundo informará despois o cura párroco tras consultar as partidas de bautismo. Un terceiro asaltante conseguiu escapar. Chamábase José Alvarado e tiña 18 anos.

Algunhas declaracións son lapidarias. O alguacil Carlos Vázquez, facendo alarde da súa capacidade para adxectivar, cualifica ao dito José Alvarado de “soberbio, altibo y quimerista con todos (...) sin guardar respecto a persona alguna, siendo su oficio el de tunar (...); con respecto al Berisimo sin embargo de ser bastante enrredante, y trabieso nada mas tiene que decir, que el haber oido a su padre que le robaba dinero, y era un gran desbergonzado, y con respecto al Antonio que nada tiene que decir ni en pro ni en contra; que no sabe quien les haya inducido a cometer el esceso que motivó la formación de esta causa, pero que concectua era bastante el Alvarado”.

Chegou o mes de marzo e aínda non se solucionara nada. O pai de Verísimo solicita a súa posta en liberdade baixo fianza “a fin de que no padezca por mas tiempo la dura prision que esperimenta, al paso que se halla mezclado entre hombres de relajada conducta cuias maximas son perjudiciales a los jovenes”.

Pola súa parte, o fiscal substituto (o titular tivo que renunciar debido ao parentesco cun dos procesados) denuncia que a causa ten “vacíos muy notables que será preciso llenar antes de elebarla al estado de plenario”. Na súa opinión, chegaría cun mes de arresto, xa que “no ve a los tres sobredichos conbencidos plenamente de criminales, porque ni lo están de haber sido los actores de la rotura obserbada en el tabique de la librería ni se ha descubierto cual era el berdadero obgeto de ella”. Porén, na sentenza do 20 de abril, o xuíz acabará impoñendo condenas de ata 6 meses de arresto.

Te puede interesar