Opinión

Pardo Bazán e Murguía ante a capela de San Miguel

Capela de San Miguel a principios de s.XX.
photo_camera Capela de San Miguel a principios de s.XX.

Con motivo do centenario da inclusión da capela de San Miguel de Celanova no listado de monumentos nacionais, quero tratar nestas liñas as visións heterodoxas e antagónicas de dous destacados persoeiros da cultura galega do século dezanove, Emilia Pardo Bazán e Manuel Murguía. Unha mostra máis da curiosidade e admiración que sempre espertou este pequeno e milenario edificio.

Emilia Pardo Bazán foi a primeira en solicitar públicamente o título de monumento nacional para a capela, chamada por ela “de Santa Ilduara”. Fíxoo despois de visitar Celanova, dirixíndose ó ministro de Fomento a través das páxinas de El Imparcial en 1887. Cunha imaxinación admirable, a condesa especula coas orixes árabes do oratorio, facendo desfilar pola súa mente prodixiosa desde emires e sultás ata escravos e palmeiras, espertando as iras de Manuel Murguía, quen lle reprocha que “en lo que escribió acerca de este monumento, más fantaseó que dió idea de él, y más habló por su cuenta que acertadamente”.

Aínda que a crítica de Murguía non sexa desacertada, nin dona Emilia pretendía falar ex cáthedra nin tampouco el escatima en fabulacións arredor da capela. No seu libro titulado Galicia, publicado orixinalmente en 1888, dedícalle 10 páxinas cunha soa intención: convencernos “que no es del siglo X, ni árabe, sino románica terciaria, y de bien entrado el siglo XII. Al que pregunte porqué, se le responde que no es fácil especificarlo: de lo contrario, no hubiera lugar a dudas”. Os argumentos de Murguía son varios. Por un lado, comeza poñendo en dúbida que o Froila da inscrición dedicatoria sexa o irmán de san Rosendo, pois, segundo el, “más se deduce ser eclesiástico el que habla que no conde y soldado”. Discutiu o tema con López Ferreiro e, como este non lle daba a razón, acabou aceptando que a inscrición podería ser orixinal do século X, pero o edificio non o era, pois, na súa opinión, “pudo muy bien ser aprovechada en el nuevo templo levantado más tarde en el mismo lugar y con igual destino”.

O erudito coruñés tamén esgrime a existencia doutros obxectos atribuídos a San Rosendo, como a suposta mitra, o cáliz ou os peites litúrxicos que, en realidade, son moi posteriores, a maioría deles do s. XII. Non obstante, Murguía non repara en que estas reliquias foron consideradas pertencentes ó santo tardiamente; en cambio, no mesmo século XII no que, segundo el, debería ter sido levantada a capela, xa escribía o monxe Ordoño de Celanova que fora edificada en tempos de San Rosendo con “aspecto de un pequeño refugio, construido en piedra de maravillosa labra que suscita la admiración de cuantos lo contemplan”.

En fin, malia que xerou certa controversia, a teoría de Murguía non tivo seguidores e foi finalmente esquecida, pero aínda se recolle no informe que emitiu a Real Academia de Belas Artes de San Fernando en 1923. Por certo, polas mesmas datas que escriben Pardo Bazán e Murguía, tamén se redacta un informe desta academia solicitando a súa declaración como monumento nacional. Foi en xuño de 1889, con motivo da solicitude de demolición dos vellos muros do Noviciado debido a “su estado de inminente ruína y el temor de que pudieran hundirse ocasionando desgracias personales, al mismo tiempo que la destrucción de la interesantísima capilla de San Rosendo, situada en el jardín, a tres o cuatro metros de distancia de la obra denunciada”. Este informe describe a capela como “un edificio de muy pequeñas dimensiones (...), pero el valor arqueológico y artístico que encierra compensa sobradamente lo exiguo de su tamaño” e conclúe: “Estas brevísimas indicaciones, sin acudir a los infinitos comentarios que de las mismas se desprenden, bastarían para motivar la declaración de monumento nacional en favor de la capilla de San Rosendo; y en este sentido, la Academia ruega á V. I. que se declare así oficialmente”.

Te puede interesar