Opinión

EN DEFENSA DE NOSO MODELO SOCIAL

Galicia enfróntase a un reto histórico. Cos ollos do mundo postos na situación económica e política de España, clave para a supervivencia do proxecto europeo, as próximas eleccións poden marcar un antes e un despois no avance das políticas neoliberais que están a destruír a marchas forzadas un modelo social, o do estado de benestar, que constitúe o máximo logro das sociedades democráticas.

Os galegos afrontamos o 21 de outubro a responsabilidade de dicir basta, de manifestar claramente o rexeitamento dos cidadáns a este espolio. Permitir coa nosa decisión de voto que Núñez Feijoo volva gobernar Galicia significa avalar o desmantelamento dos dereitos sociais que con grande esforzo conquistamos.

Que modelo de sociedade propón o PP aos galegos? Non se atreven a nomealo, pero impóñennolo pola forza dos feitos: a súa lei é a lei do máis forte.

E así vemos como equipasen as manifestacións cidadás con golpes de estado e a liberdade de información coa incitación ás desordes públicas, e como se pretende converter os parlamentos en restrinxidos coutos privados para ricos. Asistimos á transformación da sanidade universal e gratuíta nun club de socios que pagan por acceder a el, e o sistema educativo muda ante os nosos ollos nun sistema de castas segregado por sexo, por clase social, por crenzas relixiosas. Celébrase como modelo de crecemento económico o dos casinos á marxe da lei. A banca sempre gaña, e quen máis ten é quen menos paga. A cultura substitúese polo entretemento e a democracia por unha representación na que os cidadáns entregan o seu voto como un cheque en branco a un goberno que, unha vez no poder, se sente lexitimado para traizoar integramente o seu programa electoral en prol da 'realidade'.

Esta é a verdadeira proposta oculta de Feijoo, a do Partido Popular: a crise como oportunidade para poñer en marcha unha transformación social profundamente ideoloxizada.

Debemos frear este proceso destrutivo. É certo que o contexto de crise é grave. Pero non é verdade que non haxa alternativas. A alternativa consiste en colocar no centro das prioridades a preservación da Democracia e do Estado do Benestar, en vez de priorizar o seu desmantelamento.

En toda Europa, os gobernos socialistas foron a clave para a construción democrática do Estado do Benestar. A pesar dos erros e miserias que inevitablemente leva consigo o exercicio de calquera responsabilidade, a nosa forza radica nun factor esencial: a altura ética e cívica dos nosos votantes, que sempre souberon sinalar co seu voto eses erros e nos esixen que aprendamos deles. Polo tanto, preséntome como candidato á presidencia da Xunta consciente de cales son as expectativas que a sociedade deposita nun goberno de progreso. Sei que pesa sobre min a responsabilidade de non as defraudar.

Non podemos prometer que converteremos Galicia nun Árcade feliz mentres o mundo enteiro se debate nun combate desigual contra forzas poderosas. Pero si temos a oportunidade de configurar un Parlamento Galego que crea realmente no estado democrático do benestar. Podemos, e farémolo se contamos coa forza dos votos, defender este modelo co esforzo e o compromiso de todos os partidos progresistas que obteñan representación parlamentaria.

Dende aquí, quero pedir a todos e cada un dos galegos e galegas que creen nunha sociedade democrática, solidaria e xusta que acudan a votar sendo conscientes do que está realmente en xogo. Que non desperdicien nin un só voto, que nin un só cidadán quede na casa. Que non asistan impotentes á involución social máis grave dos últimos oitenta anos. Aínda temos o poder das urnas, exerzámolo.

Vivimos unha situación excepcional. Dende o PSdeG, preséntome a estas eleccións co mesmo sentido da responsabilidade histórica co que os cidadáns depositarán o seu voto. Estas non son unhas eleccións máis, nin unha batalla polo poder entre partidos. Debemos elixir entre dous modelos de sociedade radicalmente distintos: o modelo neoliberal fronte ao estado social.

Te puede interesar