Opinión

É O MOMENTO DO CAMBIO

Quedan poucos días para as eleccións. Non hai máis que dous camiños para elexir: O camiño do sufrimento ou o camiño do crecemento.

Isto é o que está en cuestión nestas eleccións autonómicas que van marcar o destino das galegas e dos galegos nos próximos anos. Pero non só isto, porque a convocatoria do 21 de outubro vai ser tamén moi importante para o destino de España.

En realidade o 21 imos votar se queremos queremos seguir o camiño de Grecia e Portugal, onde os axustes os paga toda a cidadanía, ou o de Francia, onde o peso da crise recae nos grandes patrimonios e nas rendas máis altas, que é o que os socialistas propoñemos.

Sabemos que a situación é difícil e non hai recetas milagrosas, pero un axuste como o que se está levando a cabo agrava a recesión.

Xa o estamos comprobando: O paro crece o doble en Galicia que en España. Os xóvenes teñen que emigrar como fixeron os seus avós. Os pensionistas teñen que pagar polas súas mediciñas. As familias teñen que pagar máis polos libros de texto dos seus fillos. Triplicouse a débeda pública.

Hai outra forma de saír da crise, que é a que nós propoñemos: Que paguen máis os que máis teñen, e que eses cartos se invistan na creación de emprego, na sanidade e na educación.

Acción pública, nova fiscalidade e creación de emprego son as premisas para o cambio en Galicia que nós defendemos. Crearemos un novo imposto sobre a banca. Estableceremos maiores gravámenes para os grandes patrimonios e para as rentas máis altas. Imporemos impostos ás grandes áreas comerciais e impostos medioambientais ás grandes empresas. Reforzaremos o control contra do fraude fiscal.

Estes recursos ímolos dedicar exclusivamente a crear emprego e evitar que haxa hospitais sen médicos e escolas sen profesores.

A nosa prioridade é o emprego. En Galicia hai 51.967 xóvenes parados. Máis de 28.000 son titulados universitarios. Se gobernamos, 25.000 mozas e mozos poderán acceder, ao longo da lexislatura, a unha beca/contrato de formación de 500€ mensuais durante un ano para incorporarse ao sistema produtivo.

Hai 134.400 persoas paradas de longa duración. Máis de 83.000 familias non teñen ningún ingreso. Estableceremos un programa mixto de emprego e formación para posibilitar a contratación de 15.000 parados/as de longa duración na lexislatura.

O salario medio das galegas é un 23% inferior ao dos homes. As mulleres están sufrindo especialmente a incidencia da crise. Para rachar con esta discriminación os socialistas crearemos un programa para contratar a 10.000 mulleres.

É posible crear 50.000 empregos para estes colectivos con fondos públicos na lexislatura, e eu comprométome a cumprilo.

A segunda prioridade é o crecemento. Queremos cambiar o modelo dunha economía especulativa por outro de economía produtiva. Un modelo que potencie os nosos sectores estratéxicos: eólico, naval, leiteiro, forestal, pesqueiro, acuícola, vinícola, pizarra, granito.

Non pode ser que se somos os maiores productores de leite de España, os ganadeiros teñan que pechar as súas explotacións porque teñen os prezos máis baixos de España. Non pode ser que se temos unha das maiores riquezas forestais de España e Europa, non consigamos crear un tecido industrial asociado á madeira.

Financiamento, innovación e internacionalización son as claves do futuro.

A terceira prioridade é a blindaxe da sanidade, a educación e a dependencia. Só os socialistas podemos garantir unha sanidade e unha educación públicas, universais e gratuitas.

A sanidade e a educación non crearon a crise, nin deben pagala os pensionistas e os xóvenes. Se acado a presidencia da Xunta, nos Cen primeiros días de goberno, revocarei o inxusto e inútil sistema de copago sanitario.

Comprométome a levar ao Parlamento unha lei para blindar a sanidade e a educación públicas. Dende que goberna Feijóo hai 1.000 médicos e persoal sanitario menos, e 2.500 profesores menos. Se gobernamos os socialistas non haberá máis rescisións de contratos nos servizos públicos.

Asemade, procederei á anulación dos concertos cos centros educativos que segregan aos alumnos por razón de sexo. Con este aforro, garantirei a gratuidade dos libros de texto para as familias galegas.

Como conclusión: Estamos inmersos nunha crise profunda. A solución non é seguir incrementando o sufrimento. Hai que apostar polo crecemento. Esta é a nosa proposta para gañar a loita contra a crise e lograr o apoio da cidadanía. Un apoio para unha Galicia distinta: máis formada, máis innovadora, máis competitiva, máis eficiente. Unha Galicia máis esperanzada. Unha Galicia máis optimista.

Este é o momento do Cambio en Galicia.

Te puede interesar