Opinión

Sen ADSL en Razamonde

Queixábase o outro día o dono da gasolineira de Razamonde (un precioso pobo da comarca do Ribeiro) que malia que o necesita para o seu negocio, non pode dispoñer do servizo de ADSL que tanto se anuncia por moitas empresas e que sen embargo a el llo negan. Esta é a situación que resulta en que a só 20 quilómetros da capital ourensá (non estamos a falar dun lugar perdido na montaña), as persoas que queiran desenvolver a súa actividade profesional ou, sinxelamente, morar alí, non poden contar con esta nova tecnoloxía. ¡Algo incomprensible nos nosos días! Falo deste caso concreto pero estou certo que algo semellante está a ocorrer en outros moitos lares. Así pois, esta circunstancia choca co feito cotián de que ás autoridades se lles chea a boca falando do ‘futuro’ do rural galego. Cando se escoitan cousas desta guisa, só fica botar un sorriso.


¿Quen son os responsables desta situación en particular? Pois, sen dúbida en primeiro lugar, a compañía telefónica que, aludindo criterios de rendibilidade, nega a unha serie de cidadáns (incluído un servizo case público como é unha gasolineira) a liña telefónica axeitada ás necesidades das novas tecnoloxías. Pero non remata aquí o alcance da responsabilidade xa que logo existen unha serie de organismos reguladores que deberían albiscar como unha das súas principais funcións que non ocorrese isto. ¿U-lo Plan Avanza do Ministerio de Industria? ¿Non ten nada que dicir o Consellaría de Innovación tan preocupada polo fomento das TICs no rural? E, finalmente, cómpre lamentar que tampouco o concello implicado, o de Cenlle, non amose moito interese no tema.


Ao final quen paga, como de costume, é o sufrido contribuínte. E, o dito, seguiremos escoitando a importancia do rural. ¡Todo un paradoxo!

Te puede interesar