Opinión

Algo se move en Manzaneda

Cómpre celebrar a iniciativa emprendida a semana pasada polo Foro La Región de dar a coñecer o proxecto que se está a configurar en torno a Manzaneda. Nunha interesantísima sesión puxéronse enriba da mesa a situación presente e futura da estación tomando como referentes casos de éxito que, como o de Baqueira-Beret, ten na súa orixe a galegos. 

A historia de Manzaneda é unha historia de luces e sombras. E isto é así sobre todo no que se refire a actuación das institucións públicas en canto ao apoio á mesma, tanto económico como noutros aspectos. Non deixa de sorprender que o que agora se nos está vendendo como grandes bondades da estación de montaña por parte dos responsables políticos semella que non existían cando, nunha actuación aínda por explicar, abandonaron á súa sorte o proxecto.  

En todo caso, e a mellor noticia para todos, é que o proxecto está en mans da iniciativa privada que están convencidos do mesmo e albiscan unha decidida aposta por el. Este primeiro paso constitúe, sen dúbida, o mais difícil pero a partir de aquí fica moito por facer. Neste horizonte resulta crucial ser quen de garantir neve durante un período temporal suficiente amplo, debendo contar con medios alternativos á neve natural. Hai exemplos que se expuxeron o outro día e so teñen o “pequeno" inconveniente do seu custe. Aquí radica un bo punto para ver a implicación dos responsables públicos sabendo dos beneficios colectivos que conleva o proxecto.

Asemade, débese ter presente que non todo é neve e que para desestacionalizar a demanda cómpre realizar unha oferta suficientemente atractiva. E é aquí onde me permito facer unha suxestión sobre o particular. O deporte é un sector económico en auxe, como se está amosando nestes tempos de crise. Ademais a súa concepción é cada vez máis ampla, abranguendo diferentes tipos de actividades física e dirixidas a un público cada vez máis variado.  

Nesta liña, a estación de montaña o que ten que ofertar é practica deportiva que co seu privilexiado enclave a converta nun destino de turismo deportivo de referencia. Pero esta oferta de deporte e actividade física non pode ser feita de calquera maneira senón que ten que pivotar sobre dous eixos fundamentais: medios físicos e humanos. Hoxe en día non se pode entender o deporte sen unhas garantías de calidade que pasan por contar con infraestruturas e persoal que a leve a cabo.  

No primeiro dos puntos non debería ser difícil conseguir avances xa que a dotación inicial (sempre o máis complicado) está en boa medida construída. Ademais iniciativas como a tirolina xigante encaixan ben coas demandas e perfil do turista deportivo que pode acudir a Manzaneda. Resta o aspecto de contar con profesionais que entendan que o deporte (tanto de inverno como doutras estacións) é máis que un modo de vida. Non debe perderse de vista que o turista deportivo caracterízase pola súa fidelidade, o cal vén a garantir a viabilidade dun proxecto empresarial como o que estamos a falar.

Te puede interesar