Opinión

¿Cambio de ciclo?

Opinión

¿Cambio de ciclo?

OInforme de Conxuntura do Foro Económico de Galicia presentado onte albisca un escenario complexo no que a economía se refire.  Se ben a finais do ano pasado xa se nos anticipara que as cousas non “pintaban” ben, o favorable comezo do ano fíxonos esquecer estes augurios cos que agora nos atopamos.  Pero a realidade, sobre todo a económica, é terca e encaixa moi mal as situacións de incerteza como a que estamos a vivir.

Os datos oficiais da Contabilidade Rexional reflicten que, tras dez trimestres consecutivos con taxas de crecemento interanuais superiores ao 3%, a economía galega medrou no segundo trimestre de 2018 un 2,8%.  Ao tempo, este crecemento amosa un cambio relevante no que atinxe á súa composición.  De feito, dende o ano 2012 non acontecía a circunstancia de que achega da demanda externa fose negativa (dúas décimas no trimestre) e que, en sentido contrario, o piar fundamental do crecemento residira na contribución da demanda interna, co seu nivel máis elevando dende 2007 (tres puntos porcentuais). 

No que ao mercado de traballo se refire, os seus grandes agregados manteñen unha tendencia positiva, atendendo tanto ao maior dinamismo no proceso de creación de emprego como á caída do desemprego.   Cómpre salientar o bo comportamento do desemprego cun descenso da taxa de paro ata o 14%, o que supón a taxa máis reducida dende finais de 2009. A taxa de actividade ascende ata o 53,6% (tres décimas máis que no ano anterior) e a taxa de ocupación ata o 46,1% (44,8% no ano anterior), manténdose entre as comunidades coa taxa máis reducida. En todo caso, estes datos matízanse pola debilidade de aspectos máis cualitativos do emprego como a temporalidade, rotación ou capacitación.

Así, chegados a este punto cabe preguntarse se nos atopamos nun cambio de ciclo ou ben é unha mera ralentización do crecemento.  A resposta virá dada polo que aconteza no que resta do ano, onde a capacidade de adaptación das nosas bases e estruturas económicas resultarán cruciais.  As perspectivas non son optimistas, en tanto e canto as axudas externas que tivemos ata o de agora (os coñecidos como “ventos de cola”) están a piques de remitir.  Tamén se bota de menos que non se aproveitaran momentos anteriores para realizar determinados cambios de calado que permitiran afrontar en mellores condicións situacións críticas

Nestas circunstancias, asistiremos a unha “volta ao cole” que determinará a evolución económica no medio prazo.  Se revirte algo o mal comportamento do sector exterior e se consolida a demanda interna, a nosa economía será quen de capear o temporal.  No caso contrario, todo indica que novamente a conxuntura económica voltará a situacións desfavorables que semellaban estar lonxanas no tempo.  

En todo caso, a primeira urxencia á vista descansa na necesidade de reducir a incerteza económica que nos agocha.  Para isto sería de moita axuda que o complexo escenario político se fose resolvendo.  Novamente a relación entre economía e política amósase determinante para o noso futuro.  E iso, certamente, implícanos a todos.