Opinión

Celanova en globo

Ninguén pode negar a riqueza patrimonial da provincia de Ourense, onde destacan por méritos propios as comarcas de Terras de Celanova e A Limia. Sen embargo, hoxe en día a efectos turísticos non chega só con contar cun patrimonio privilexiado como é o caso. É por iso que cada vez máis os produtos turísticos tratan de se diferenciar, de tal xeito que está a cobrar unha grande importancia o chamado ‘turismo activo’.


Este xorde non só como alternativa, senón como complemento que achegue ao turista a oportunidade de facer máis dunha cousa ao tempo. A idea non é nova, aínda que non está moi explotada polos nosos lares. De feito, isto vén a evidenciar que a nosa oferta turística aínda lle queda treito por andar.


Nesta liña, cómpre destacar a iniciativa promovida por un establecemento celanovés que da a posibilidade de facer un voo en globo aerostático para así visitar dun xeito ben diferente estas fermosas comarcas. De seguro a visita dende o aire de lugares tales como o xacemento de Castromao e outras paraxes da zoa suporá unha experiencia enriquecedora, aderezada coa intensa sensación de estar voando. Mesmo permitirá coñecer novos emprazamentos e seica será un aliciente a que veña máis xente.


Trátase pois de facer cousas distintas que satisfagan o esíxente turista actual. O Mosteiro de San Salvador ou a Capela de San Miguel son pequenos grandes tesouros que un ten a sensación que moita xente descoñece, a Festa Castrexa é digna de ver e vivir, ¿por que non completalo cun pequeno paseo en globo? Confío e desexo que a iniciativa teña éxito e que esta e outras experiencias semellantes se estendan ao longo da provincia xa que logo lle fai moita falla.



Te puede interesar