Opinión

Competencia nas gasolinas

Non acadou grandes titulares o anuncio de Competencia de abrir expediente ás distribuidoras de gasolinas por unha ¿posible? actuación conxunta para non baixar os seus prezos. O feito é que nos últimos meses o petróleo rebaixouse en torno a un 20% en orixe e, sen embargo, isto non se veu reflectido no pagado polos consumidores.


¿Cal é o motivo para que esta nova pasara desapercibida? Pois sinxelamente que xa non resulta crible posto que as autoridades ao longo do tempo non fixeron nada neste senso. Unha mágoa, sobre todo pensando que é unha das principais razóns de ser deste Ministerio. Pola contra, o de Industria é historicamente un dos departamentos peor tratados polos presidentes do goberno en canto á designación de titular ao ser utilizado como moeda de troco ou pago de favores. Así, isto acadou o seu máximo expoñente co anterior ministro, Joan Clos, quen foi un mediocre alcalde e posteriormente un pésimo ministro.


Afondando un pouco máis neste tema, gustaríame sinalar que en todo país desenvolvido existen dous ministerios ou departamentos que son os verdadeiros garantes dos dereitos dos consumidores: o de industria e o de consumo. De feito en moitos lugares están xuntos, o cal ten lóxica e non como aquí que os asuntos de consumo están inseridos con sanidade. Do seu correcto funcionamento depende un piar básico da calidade de vida como é a defensa dos dereitos de todos nós, consumidores.


Sobre esta base, é á marxe de expedientes que logo nunca resultan en nada, unha das chaves para a realización da súa política é a transparencia e iso, no caso da gasolina, constitúe o seu principal problema. Houbo un intento hai uns cantos anos de publicitar por parte do Ministerio na súa páxina web a información sobre as gasolineiras máis baratas de cada provincia. Desta medida agora xa non se sabe nada, probablemente porque os ministros estéan ocupados noutros eidos máis importantes. O dito: unha mágoa.



Te puede interesar