Opinión

Descarrila o tren

O accidente do tren-hotel Rías Galegas que une Galicia con Madrid da pasada fin de semana supón un feito que non debera pasar desapercibido. Xa non se trata só do terceiro incidente ferroviario en territorio galego nos últimos dous meses, senón que constitúe unha boa mostra da situación no que atinxe a estas infraestruturas en Galicia. Así, mentres en outros lugares estase a falar de altas velocidades, aquí as novas veñen dadas polas supresións de anacrónicos pasos a niveis ou que 189 cidadáns se viran envoltos nun contratempo non propio de países desenvolvidos.


Esta é a situación e semella que a ninguén importa demasiado, posto que a demanda dos alcaldes de Vigo e Ourense en prol dunha maior seguridade ferroviaria albíscase, cando menos, insuficiente. Como foi ben recollido nas páxinas de La Región, o percorrido accidentado (Ourense-Sanabria) tivo a súa última renovación na década dos setenta e, dende entón, os materiais da vía seguen a ser os mesmos. Esta circunstancia dá boa idea da atención que se lle presta a este medio de transporte e pénsese que xa non falamos de facilitar os desprazamentos máis ou menos rápidos, senón que se está a xogar coas vidas das persoas. Certamente, deberían ser palabras maiores.


Cómpre salientar que, por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais e as imaxes posteriores que todos vimos limitáronse a ver a xente subindo ao autobús e contando as súas anécdotas do accidente. Sen embargo, ¿cal sería a situación se estivesemos falando dalgún tipo de dano persoal ou, mesmo, dalgunha vítima mortal? Confiemos que non sexa necesario que se chegue a tales extremos para nos concienciar de que o ferrocarril que temos, as súas infraestruturas e o servizo que nos presta non é o que nos merecemos.



Te puede interesar