Opinión

Entroido

Como estamos na súa semana, coido que cómpre falar do Entroido na provincia de Ourense que ben se pode dicir que é o de toda Galicia. Sen embargo, gustaríame facelo dende unha perspectiva distintas ás habituais, de tal xeito que se afaste da visión cultural, patrimonial e, mesmo, artística que ten esta festa. Así pois, entendo que é importante facer fincapé nesta tradición dende un punto de vista económico. Isto non supón desmerecer os outros aspectos senlleiros senón incidir nunha das súas principais potencialidades.


O valor que aporta, e que pode seguir aportando, o noso Entroido é algo incuestionable no que se refire á creación de riqueza. Como tal, debe ser tratado con mimo dende as instancias económicas competentes. O punto de partida sería, como non pode ser doutro xeito, a singularidade da festa baseada en tradicións ancestrais desas que tanta vixencia están a cobrar hoxe en día. Xa lle gustaría a outros pobos ter unha celebración semellante; nós témola e como tal habémola aproveitar.


¿Por qué non pensar nun museo do Entroido que permita amosar a súa grandeza? A partires do ben chamado triángulo máxico, a proposta do Entroido debería estenderse a outros lugares nos que a súa celebración non ten nada que desmerecer á de Laza-Verín-Xinzo. Así, entre outros, Maceda, Viana, Allariz, Melón e Ourense capital supoñen un grande aliciente que engadir á hora de se dar a coñecer. Isto permitiría conformar unha oferta incomparable que por á disposición do turista peninsular e, mesmo, de toda Europa.


Asemade, pensando en ofertar produtos turísticos deberíase contar con outros dos moitos alicientes que pode ofertar a provincia tales como natureza, termalismo ou calquera outro que a complemente e a faga máis atractiva. E para rematar, ¿por qué non pensar nun museo do Entroido que permita amosar a súa grandeza máis aló da semana da súa celebración?

Te puede interesar