Opinión

As facianas da crise

De excelente cabería cualificar a reportaxe publicada por La Región este domingo onde se abordaban as distintas facianas da crise no que a economía ourensá se refire. Facía falta algo así a nivel provincial cunha acertada mestura entre información e opinión non doada de atopar en prensa escrita. Na primeira parte, a informativa, desgranábanse as últimas cifras que contextualizan as magnitudes económicas da Provincia, movéndose entre os aceptables niveis de emprego e a preocupante conxuntura empresarial. Tamén aquí, facíase fincapé noutro dato preocupante para toda a cidadanía como é a crecente inflación que nos acocha.


Resumidos os indicadores máis salientables, recollíase a opinión de prestixiosos economistas que albiscaban unha mirada diferente á información recollida. Como non podía ser doutro xeito, cada un dos artigos resulta de imprescindible lectura para todo aquel que queira ter un chisco máis claro que é o que está pasando na nosa economía e, sobre todo, como poder superalo e aproveitalo. Non estraña pois que os columnistas acentúen as potencialidades que ten Ourense, tanto a nivel galego como español, amosándose máis optimistas (ou realistas) do que a sensación xeral no levaría a pensar.


Así, Santiago Lago incide nas oportunidades futuras á vista tales como o ferrocarril ou os proxectos de polígonos industriais, se ben recalca a importancia de manter unha planificación e optimización, en liña co subliñado por Angel Pascual. Seica o menos optimista é Victor Montes quen coa súa acertada pluma fai unha revisión en termos históricos que serve para explicar a situación provincial que é definida por JC Yañez co termo climatolóxico de ‘tormenta perfecta’. Certo é que estamos nun intre de procurar un paraugas onde se agachar, pero quede de manifesto que o primeiro requisito para arranxar unha situación crítica é a correcta información. Sen dúbida grazas a este traballo, as persoas interesadas en facelo terán boa parte do camiño andado.



Te puede interesar