Opinión

Ferrín

Poucas homenaxes tan merecidas como as que se lle están rendendo ultimamente a Xosé Luis Méndez Ferrín por unha longa vida adicada á cultura galega. Foi esta a que hai uns meses lle concedeu o seu Premio Nacional na modalidade de literatura poñendo así o limiar destes premios moi alto. Agora, a Universidade vén de editar un dos seus poemas en dezaoito linguas distintas como recoñecemento da súa labor. Sen dúbida trátase dunha boa maneira de facelo posibilitando que as súas verbas cheguen máis aló das nosas fronteiras. Ademais este ourensán de nacemento e vigués de adopción non só e un escritor, tamén é un profesor o que fai nel unha marabillosa mestura de cultura con ensino. Dende as aulas do seu Instituto Santa Irene de Vigo, e ao longo de máis de trinta anos, numerosas xeracións de estudantes tivemos a oportunidade de compartir con el intensos momentos. Todo un luxo para nós e con seguridade un lecer para el dado o que gozaba co seu traballo. Co gallo da súa xubilación, o Instituto decidiu darlle o seu nome á biblioteca, ¿que outro sitio mellor? ¿que outro nome máis senlleiro para o espazo dos libros? Sen embargo, por enriba de todo Ferrín é unha grande persoa. Amigo dos seus amigos, sempre disposto a escoitar e cunha boa palabra que che dicir. Nestes tempos que corren onde todo vai apresa, el infunde tranquilidade como soamente algúns poden facelo. Comparte contigo o seu saber e como docente que é aproveita calquera intre para que clase sexa proveitosa. Estase a falar da súa candidatura para o Nobel ao cal el sempre comenta o mesmo: se os chinos que son máis de mil millóns a penas teñen un laureado, ¿que se lle vai pedir aos galegos tan poucos que somos? Déanlle ou non este galardón, para moitos de nós sempre será todo un Nobel.



Te puede interesar