Opinión

Galicia obesa

Nestas datas estivais onde o “culto ao corpo” semella estar máis presente nas nosas conciencias, cómpre lembrar os resultados dun recente estudo elaborado pola Sociedade Española de Cardioloxía. Esta institución elabora o “Estudio Nutricional de l Población Española” que pon de manifesto que Galicia ocupa o primeiro posto no ranking de persoas con sobrepeso en España. Nomeadamente, o número de galegos nesta situación supón o 44% da poboación, ao tempo que o número de obesos, o 25%.

Estas de aquí son algo máis que cifras ou porcentaxes. De feito, deberían alertar que unha de cada catro persoas ten un risco (non só potencial) para a súa saúde. Entre outras, e como se sinala no citado informe, a obesidade está directamente relacionada co aumento de diabetes tipo II, o incremento do colesterol e triglicéridos no sangue e hipertensión arterial. Todos estes son os principais factores de risco para as enfermidades cardiovasculares que, á súa vez, constitúe a causa de morte máis salientable no Estado. Como nos filmes: ¡Huston temos un problema!

Así pois, podemos afirmar sen ningún xénero de dúbidas que nos atopamos ante un serio problema da nosa sociedade ao que é preciso facer fronte con medidas decididas. Estas actuacións poden ser bosquexadas en torno a tres eidos: saúde, educación e actividade deportiva, sobre as que deberían deseñar actuacións específicas. 

En termos de saúde e benestar é preciso avanzar na consideración da obesidade como unha enfermidade que debe ser tratada e sobre a que se deben realizar estudos sobre o custo económico que supón. Complementariamente, o eido educativo debería reforzar esta vertente e no currículo formativo aspectos como os hábitos de vida saudables (dietas equilibradas incluídas) deberían cobrar protagonismo. E para pechar este círculo, nada mellor que lembrar que a mellor medicina para esta nova enfermidade do século XXI é a práctica deportiva que, ademais, non ten custo farmacéutico. 

Na miña opinión, onde máis se ten avanzado en Galicia é no terceiro punto, onde o Plan Galicia Saudable pon os alicerces para a mellora destas preocupantes cifras. Sen embargo, se non está acompañado por os outros dous vectores, a súa progresión verase certamente dificultada. Iniciativas como a terceira hora de educación física, o fomento das prácticas saudables no entorno laboral, a xeneralización dos parques de ocio ou o deporte universitario e para todos non semellan ter acadado a importancia que lles correspondería.

É por iso que as futuras eleccións galegas que nos agochan para despois do verán será unha excelente oportunidade para ver e calibrar a importancia que as distintas opcións políticas lle conceden nos seus programas electorais. Ficaremos logo á expectativa do que nos propoñen sobre esta materia.

Te puede interesar