Opinión

Instalacións deportivas

Unha desas materias que non debería ser obxecto de moitas discusións políticas é a referente á crecente necesidade de instalacións deportivas axeitadas por parte da poboación. Neste senso, a proclama das intencións municipais sobre o que se quere facer en Oira conduce, inevitablemente , a unha serie de reflexións. Así, e xa van dous anos, anúnciase que permanecerán pechadas durante todo o verán. Non vale agora a escusa posta o ano pasado xa que logo se contou con todo este ano para facer as reformas necesarias e non privar á cidadanía dunha das poucas zonas de deleite para o período estival. A sensación de tempo desaproveitado é evidente e cómpre que se dea algunha explicación sobre esta actuación (ou mellor dito a falta dela).


Alén deste feito, o tema ten un máis fondo calado porque semella que o mantemento das instalacións deportivas na cidade deixa moito que desexar. Non só é o asunto de Oira, que xa de por si chegaría, senón que se trata de algo xeneralizable ao resto do concello.


De feito, existen determinadas instalacións en barrios que, polo seu estado, deberían estar pechadas. Mesmo o Pavillón dos Remedios está a envellecer a pasos axigantados e convén lembrar que este constitúe o complexo deportivo máis importante da provincia e un dos referentes en Galicia.


Resulta un feito cotián que os seus usuarios (cada vez menos, por motivos obvios) atópanse cun claro deterioro en tódolos eidos: vestiarios, piscinas, saunas, etcétera. Sen embargo, dá a impresión que a ninguén lle interesa ou, cando menos, adopta decisións encamiñadas ao seu correcto coidado e mellora.


Máis aínda, agora que se fala de ausencia de piscinas, ¿canto tempo leva pechada a súa piscina exterior?, ¿non sería unha boa idea voltar a dar ese servizo tan prezado?

Te puede interesar