Opinión

O máster de turismo

A semana pasada celebrouse o acto de graduación da primeira promoción do Máster oficial en dirección e planificación do turismo do Campus de Ourense. Este feito supón unha nova que debería ser salientada por varios motivos. O primeiro deles é para facer fronte a esa intuición que teño de que o Campus non conta dentro da sociedade ourensá co recoñecemento que, de seguro, tería noutro lugar. Así, en concreto, este Máster atópase encadrado dentro dos programas oficiais de posgrao que supoñen a punta de lanza do chamado Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) que, en breve, mudará por completo a educación universitaria en España. Máis aínda, este é un dos cinco másters oficiais de turismo que se imparten en territorio nacional, a prezos públicos e cun nivel académico-formativo que non desmerece en nada a moitos programas que con un custo maior se ofertan por aí adíante.


Este evento, e por extensión o propio Máster teñen dous protagonistas destacados. En primeiro lugar, o profesor José Antonio Fráiz quen coa súa labor, non sempre valorada e recoñecida, vén de facer que esteamos falando desta realidade. De feito, el é o responsable principal de que, cando se fala de estudos universitarios de turismo en España, Ourense ocupe un lugar no mapa.


En segundo lugar, pero non por isto menos importante, están os recén graduados: vinte estudiantes ourensáns (ben de nacemento ou ben de adopción) que, en breve, estarán no mundo real amosando as súas capacidades.


Será este o momento de reflectir realmente o seu potencial, tanto o propio como o adquirido durante o seu período formativo. É por isto que, en certo modo, o seu futuro será tamén o do Máster, xa que permitirá ter a proba definitiva da súa razón de ser.


Así pois, non só confío senón que estou certo do seu éxito, tanto profesional como persoal. Sen embargo, non lles quero deixar de desexar moita sorte porque todos eles a merecen.



Te puede interesar