Opinión

A Mostra de Teatro

Resulta todo un luxo contar cun evento cultural como a ribadaviense

Mostra Internacional de Teatro. Dende a súa creación, hai xa uns cantos anos, esta consegue amosar como a cultura pode ser algo accesible a todo o mundo.


Son dous os compoñentes fundamentais que cómpre destacar: a calidade e a diversificación. De feito, a proposta deste ano de actuacións en bisbarras supón unha interesante aposta, ao tempo que non se esquece do cada vez máis importante público infantil. Pero, por enriba de todo, atópase o marco senlleiro da Mostra que é o maxestoso escenario do Castelo. Nunha sesión nocturna, semella que o tempo se ten parado para nós, ao estar inmersos nunha atmosfera na que non se está afeito na nosa frenética vida cotián. Máis aínda, pode palparse unha química especial entre público e actores só posible en recintos destas características. Así o testemuñan os centos de espectadores que tódolos anos enchen o auditorio procedentes de moi diversos lugares.


Sen embargo, hai dous aspectos que veñen a deslucir estes trazos en certo modo. En primeiro lugar, a falla dunha axeitada oferta hostaleira na comarca do Ribeiro supón un lastre difícil de solucionar. E o que aínda é peor, non se albiscan remedios a medio prazo para este tema. O outro punto a salientar vén dado polo feito da non continuidade na oferta turística de grandes acontecementos. Se pensamos na outra grande cita da Vila que é a Festa da Istoria de finais de agosto, ¿que pode facer un turista namentres?. Mesmo case me atrevería a suxerir algunha medida como a tomada, por exemplo, en San Sebastián cando adiaron o seu Festival de Cine a setembro para desta maneira alongar a súa tempada estival. ¿Non serviría para aquí?

Te puede interesar