Opinión

De novo Magdalena

Vanme permitir que hoxe escriba de política, malia que ben sei que hai outras moitas cousas máis agradables das que falar. Sen embargo, a recente irrupción en escena da inefable Ministra de Fomento fíxome renxer algo por dentro de maneira importante: ¡que ben estaba caladiña! Non acerto a entender que estrañas razóns levaron a que esta muller permanecera no actual Goberno de España despois da súa traxectoria no anterior. Sen dúbida, a súa actitude cara Galicia e, por ende, os galegos supón a máis grande desconsideración. De seguro, non se atrevería a dicir cuestións semellantes doutros territorios do Estado e, de facelo, habería alguén por enriba dela que algo faría. Así, bótase en falla ao propio presidente Zapatero e mesmo ao secretario de organización do seu partido, o señor Blanco, quen exerce de galego cando lle convén.


Pola contra, e en senso contrario, a resposta do Presidente da Xunta de Galicia ten sido a que cómpre esperar do máximo gobernante da cidadanía galega. Touriño foi rápido, conciso e contundente deixando as cousas claras e facendo fronte a un novo desaire de dona Magdalena, cun claro compromiso non só político, senón tamén persoal.


Agora o que resta e a reacción dos outros dous partidos políticos galegos. E aquí, se tivesemos unha clase política de altura, a única actuación posible sería un apoio expreso e sen fisuras ao Presidente.


Galicia en bloque debe dar réplica a esta persoa e isto debería ficar meridianamente claro. Así, visualizaríase mellor a gravidade da traxectoria da señora Álvarez neste eido, ao tempo que faría visible para todo o mundo o compromiso da Xunta actual cos prazos establecidos.


Se ‘gaña’ a Xunta, gañamos todos nós mentres que se ‘gaña’ a ministra, o primeiro perdedor sería Emilio Pérez Touriño xa que en isto comprometeu a súa palabra. Os feitos dirán quen tiña razón.



Te puede interesar