Opinión

Pobre mundo rico

Está a piques de rematar o primeiro ’Simposio internacional sobre a pobreza e a desigualdade no mundo’ que, baixo o lema Pobre Mundo Rico, se vén celebrando dende principios de outubro ao longo da xeografía galega. Sobre este evento cómpre sinalar unha serie de cuestións que non deberían pasar desapercibidas.


Así, entre elas, débese salientar o esforzo desempeñado polos seus promotores (principalmente o Clube Internacional de Prensa) de achegar ao público en xeral, tanto en directo como a través da rede, diferentes reflexións e experiencias dun dos maiores lastres da sociedade actual. Pola súa duración, pola súa cobertura territorial, polo seu programa e pola súa diversidade de contidos, este Simposio configúrase como pioneiro, xa non só en Galicia, senón tamén en España.


En canto ao desenvolvemento dos contidos, tivemos oportunidade de ver e escoitar a destacados expertos en materia de cooperación, desenvolvemento ou programas de loita contra a pobreza. Ademais, o termo internacional do título non está de balde, posto que foi posible percorrer diferentes e moi diversas partes do Globo que permitiron ser conscientes de realidades non cotiáns no noso día a día. Como complemento, a proxección de filmes nas distintas sés sobre a temática da pobreza ofreceron outra ollada, dada neste caso dende o mundo audiovisual.


Indira Ghandi afirmou que a pobreza é a peor forma de contaminación, e correspóndenos emprender ese longo camiño para a súa solución Entendo que os obxectivos desta primeira edición están cumpridos se ben o tema é de tanto calado que non debe rematar aquí. É por isto que deben xa pensar nunha segunda edición que continúe o esforzo iniciado, ampliando e afondando o traballo feito. Lembrando unha reflexión de Indira Ghandi, outrora presidenta da India, ante o plenario das Nacións Unidas cando afirmou que a pobreza é a peor forma de contaminación, correspóndenos emprender ese longo camiño para a súa solución. Iniciativas deste tipo son un bo punto de partida.

Te puede interesar