Opinión

Políticas públicas

O reparto dos fondos europeos procedentes do programa Urban, no que Ourense quedou excluído fronte a outras cidades galegas, pon de manifesto a necesidade de transparencia e obxectividade no manexo dos fondos públicos. Neste caso o que non se pode achacar é a motivos políticos, porque a coincidencia de partidos nos entes gobernamentais fai que este recurso, tan socorrido noutras ocasións, non serva para este caso.


Entón, ¿por que hai cartos europeos para Coruña ou Lugo e non para Vigo e Ourense? Pois aquí atopámonos cun deficiente funcionamento (un máis) da nosa clase política: non se teñen dado explicacións axeitadas deste tema, todo o contrario, e isto é prexudicial para todos nós.


En primeiro lugar, deberían estar claros os obxectivos a conseguir por parte das distintas políticas públicas o cal non sempre e así. A partir de aí, habería que contar con procedementos obxectivos e validables das propostas presentadas. Deste xeito sería posible obter unha clasificación de tal modo que se soubese por que a proposta doutras cidades é mellor que a ourensá.


Facer isto é complexo, pero non imposible. A realidade amosa como para quen decide é máis doado e práctico meter todo nunha escura caixa negra e que ao final saia un resultado. Este tentará de compracer a un determinado público e, ao tempo, estará en función de intereses e circunstancias. Hai uns cantos anos na Universidade emprendemos un traballo que pretendía axudar á toma de decisións, proporcionando indicadores obtidos de maneira científica, que servisen de guía para o responsable público.


Froito desta tarefa xurdiu unha publicación titulada Implementación da política rexional mediante o emprego de técnicas estatísticas que suscitou bastante interese. Sen embargo, á vista dos resultados debeulles parecer mellor seguir como estaban. Con probabilidade, agora aos solicitantes ourensáns do Urban gustaríalles que esas recomendacións se tiveran aplicado.



Te puede interesar