Opinión

Os recunchos da cidade

Que difícil resulta atopar nas grandes urbes sitios ou lugares con encanto, deses onde o tempo pasa de maneira distinta e onde as cousas se ven dun xeito diferente. Ademais o crecemento urbanístico dificulta esta tarefa máis se cabe e o cemento come inexorablemente terreo ao verde.

Ourense non é excepción a esta tendencia na que alguén hai tempo decidiunos meter sen nos consultar. Sen embargo, xunto aos fermosos xardíns do centro e a incomparable ribeira do Miño, a cidadanía ourensá está a descubrir un novo ‘recuncho’ desde tipo. Trátase do Campus Universitario que, día a día, se está a converter nun lugar de encontro. Amosa este emprazamento unha combinación perfecta de elementos naturais xunto con construcións e, sobre todo, os seus usuarios: as persoas. Porque convén lembrar que a xente é a base de todo, os nenos, os vellos e, si, por que non dicilo, tamén os estudantes que moran por este entorno.

A historia de converter o Campus nunha das pasaxes con máis encanto da cidade resposta a unha sucesión de actuacións ben feitas e planificadas. Aínda así, cómpre salientar dúas decisións que non puideron ser máis acertadas. A primeira foi a medida de abrir fisicamente a instalación á cidadanía, derrubando o vello muro que servía de peche. Algo tan sinxelo como iso permitiu que moita xente que antes a bordeaba, agora pase polo seu interior. A segunda decisión, aínda máis importante, foi a tomada referente ao tratamento medioambiental e ornamental do xardín e o seu contido. Todo un acerto en termos de sostenibilidade que ten o seu referente principal no seu estanque. Así, fronte a situación anterior, de custoso mantemento, agora temos no seu interior patos que fan a delicia de pequenos (e tamén maiores). Sen dúbida, todo un luxo para os nosos días.


Te puede interesar