Opinión

Residuos en Galicia

A Lei de Residuos de Galicia que pretende o Goberno galego aprobar supón escasos cambios con respecto á súa xestión actual no noso territorio. Esta afirmación non é propia, senón do Consello Económico e Social de Galicia (o CES), de tal xeito que semella ter certo interese, cando menos de cara a unha breve reflexión. O CES é un dos órganos consultivos cos que conta a Administración autonómica e, se ben é certo que por múltiples motivos, non goza do prestixio e influenza que noutros lugares, entre eles non están os da calidade dos seus informes. Máis aínda, resulta unha mágoa que non se teñan máis en consideración, pero en tanto e canto estes non sexan vencellantes, pouco caso lle van facer os nosos dirixentes.


Así, polo que atinxe a esta Lei, ponse de manifesto que se mantén o esquema baseado no funcionamento da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama) e, polo tanto, no desfasado proceso da incineración. Este bosquexo choca de fronte con dúas cuestións: a primeira, as propias recomendacións da UE en prol dun desenvolvemento sustentable que fala de actuacións tales como a redución en orixe, a reutilización e a reciclaxe antes que da eliminación.


Sen embargo, é a segunda cuestión a que a moitos nos sorprende, que é a contradición en materia medioambiental amosada polos responsables da Xunta. ¿Qué era o que nos dicían sobre Sogama hai uns cantos anos? Certamente o contrario do que queren aplicar, e todo isto con poucas, por non dicir ningunha, explicación. Unha vez máis, nos atopamos con que a realidade política supera á nosa comprensión. Sobra lembrar que con asuntos desta índole isto non debería ocorrer. Seica ao mellor, alguén na Consellaría de Medioambiente tería a ben nolo explicar.

Te puede interesar