Opinión

Os retos do mercado laboral

O mercado laboral galego está a experimentar un claro comportamento positivo que se concreta en que xa son nove os trimestres con melloras nas súas taxas de ocupación. Unha tendencia salientable sobre a que nos debemos congratular, sobre todo se botamos a vista atrás á nosa situación de finais da década pasada e comezos desta. Nomeadamente, 2008 foi un “annus horribilis” para o emprego en Galicia que nos costará esquecer.

En concreto, se pensamos nos últimos datos dispoñibles do primeiro trimestre do ano, albíscanse sinais claramente esperanzadores, sobre todo no que atinxe ao comportamento do paro de longa duración e da poboación activa. Sobre esta última cómpre sinalar que é a primeira vez que aumenta dende o ano 2012. Ademais, a taxa de paro (principal indicador do mercado laboral) continúa con taxas de diminución intertrimestrais superiores ao 4%, o que permite situarse nun 17,4%. 

Sen embargo, estas cifras agochan algunhas cuestións que exercen de lastre e dificultan unha recuperación de maior envergadura. Por este motivo, non está de máis identificalas e prestarlles un pouco de atención. Así pois, podemos falar de catro “sombras” que sobrevoan o mercado laboral galego e que son as seguintes.

A primeira vén dada por unha certa ralentización na tendencia crecente. É certo que son moitos trimestres cun bo comportamento, pero en termos proporcionais o ritmo non é tan alto. A segunda cuestión radica no comportamento da poboación activa. Ben é certo que este trimestre experimentou un crecemento pero, no se refire á franxa de idade máis nova (entre 25 e 34 anos), son xa 32 trimestres consecutivos os que está a diminuír. Oito anos nos que os máis mozos están a saír do mercado laboral é motivo de preocupación.

Un terceiro aspecto ten que ver con paro de longa duración. O seu peso no conxunto dos desempregados achégase case ao 50% do total e, dada a situación de vulnerabilidade destas persoas, supón un claro punto feble. Finalmente, a comparativa que se pode facer con respecto ao conxunto do Estado, non deixa en boa situación aos datos galegos. Así, por exemplo en niveis de ocupación, o crecemento estatal case que duplica ao galego. Quere isto dicir que imos máis lentos en termos de recuperación.

A combinación de todo o ata aquí comentado ten o seu claro reflexo cando analizamos a produtividade aparente do traballo que relaciona a produción nacional (PIB) con respecto ao emprego. A situación galega está oito puntos por baixo da media española, situación especialmente grave na industria manufactureira que baixa 27 puntos porcentuais. 

Así pois, e como sempre que se fala de economía, luces e sombras no noso mercado laboral na actualidade. Podemos dicir que, a día de hoxe, son máis as primeiras que as segundas pero é importante atender ás causas e posibles solucións dos problemas e limitacións sinaladas. Sen dúbida, todo un reto que marcará o futuro máis inmediato da nosa sociedade.

Te puede interesar